Nigrán adianta a retirada das bandeiras azuis en Patos e Panxón ante a falta de socorristas

A contratación de 17 socorristas a través da Mancomunidade do Val Miñor para cubrir Nigrán e Baiona non é suficiente para cumprir a obriga de ADEAC de dous por praia. “A punto de acabar os contratos moitos collen os días libres que lle corresponden e así é imposible manter o servizo ao 100%”, resume o alcalde.
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán adianta a retirada das bandeiras azuis en Patos e Panxón ante a falta de socorristas

O Concello de Nigrán procedeu onte á baixada das bandeiras azuis en Panxón e Patos ao non cumprir co número de socorristas que esixe ADEAC de dous por praia. A retirada da enseña nestas dúas praias prodúcese tres días antes de que conclúa a tempada oficial no Val Miñor (do 1 de xullo ao 31 de agosto). O municipio segue gozando ata o 31 da bandeira azul en Praia América, onde hai dous postos de salvamento e, polo tanto, dous socorristas, cumprindo o establecido por ADEAC.

“Non é un problema das praias de Nigrán, senón das praias do Val Miñor. A realidade é que a contratación de 17 socorristas a través da Mancomunidade do Val Miñor é insuficiente para manter as bandeiras azuis en Nigrán e Baiona xa que, a punto de finalizar os contratos, moitos collen os días libres que lle corresponden e así é imposible manter o servizo ao 100%”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “as praias son seguras” porque tamén se conta con persoal de Protección Civil nos postos. “Debe quedar moi claro que a retirada en Patos e Panxón responde únicamente a un problema de xestión dos socorristas, a nada máis. Tódalas praias están limpas e a calidade das augas é excelente segundo os análises destas semanas, o último de hoxe mesmo en Panxón”, incide o alcalde, Juan González.

En calquera caso, ante o requirimento de ADEAC ante a constatación deste feito, o Concello de Nigrán acata a decisión de retirar as dúas enseñas e as remite a este organismo, tal e como se lle pediu. “Queremos seguir optando a elas e cumprimos ao 100% coas súas indicacións”, engade.

O Concello de Nigrán fai unha valoración negativa do procedemento de concesión de subvencións por parte da Xunta, que retrasa cada ano a súa aprobación a un límite inconcibible, e tamén da posterior contratación da Mancomunidade. Así, nesta ocasión foi imposible reunir os 27 socorristas solicitados para Baiona e Nigrán porque a selección da Mancomunidade a súa vez retrasouse ao máximo, aprobando só 17 aspirantes dos 21 presentados. “Está claro que o vindeiro ano teremos que buscar solucións ao marxe da Mancomunidade e da subvención da Xunta para garantir as bandeiras azuis, recurriremos a fondos propios para que isto non se repita”, finaliza o alcalde.