Nigrán agarda que a futura senda peonil e ciclista de A Ramallosa a Gondomar mellore a seguridad viaria

“Valoramos que a Xunta recollera parte das nosas alegacións, pero seguiremos reclamando que se arranxen as beirarrúas da marxe esquerda, que están inservibles e non se contempla tocalas”, sinala o alcalde.
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán agarda que a futura senda peonil e ciclista de A Ramallosa a Gondomar mellore a seguridad viaria

O alcalde de Nigrán, Juan González, valorou esta mañá o proxecto de senda peonil e ciclista de A Ramallosa a Gondomar na presentación oficial do proxecto da Xunta no Centro de Saúde da Xunqueira. O rexedor agarda que supoña unha mellora en seguridade para tódolos usuarios da estrada.

“Valoramos que a Xunta recollera parte das nosas alegacións, pero seguiremos reclamando que se arranxen as beirarrúas da marxe esquerda da Avenida de Portugal, que están inservibles e non se contempla tocalas”, sinala o alcalde.

Así, dende o Concello formuláranse alegacións de cara a mellorar o acceso ao IES Proval, moi inseguro e con moitas queixas da comunidade educativa, e o proxecto contempla este feito. Ademais, valórase tamén positivamente a construción dunha rotonda entre a Xunqueira e Tomadas (xusto despois do Centro de Saúde). “Nos fixemos esta alegación porque entendemos que mellorará a seguridade ao tempo que se permite un cambio de sentido nun sitio onde antes era imposible, coa incomodidade actual que conleva”, analiza. Neste sentido, equipo técnico e representantes da Xunta, ante a petición de empresarios da zona presentes no encontro, comprometéronse a analizar outros posibles accesos directos en diferentes puntos que permitan un cambio de sentido sen necesidade de ter que recurrir á rotonda.

Asimesmo, o rexedor aplaude que tamén se aceptara a alegación do Concello para que a obra de humanización se extendese, xa que no proxecto inicial finalizaba na Praza de Abastos e agora continúa ata a rotonda de A Ramallosa a Baiona. Pola contra, González lamenta que non se vaian a reparar as beirarrúas da marxe esquerda, inaccesibles e totalmente destrozadas, con queixas constantes dos veciños. “Seguiremos reclamando que as arranxen, é o mesmo caso que Otero Pedrayo”, insiste.

Finalmente, González aproveitou o encontro no exterior do Centro de Saúde da Xunqueira para requeriu ao delegado da Xunta que se faga un correcto mantemento das zonas axardinadas do mesmo, actualmente descoidadas e cunha imaxe lamentable, o que suscita a queixa dos seus usuarios. Este comprometeuse a facelo de xeito inmediato.