O Concello de Nigrán aposta pola creación dun novo equipo de fútbol senior no municipio ante a recente disolución do Nigrán C.F e a proposta da E.D. Val Miñor-Nigrán por asumir ese baleiro.
Deste xeito, a “E.D. Val Miñor-Nigrán”, que ata agora compartía co Nigrán C.F. o campo municipal de Condomínguez e mantiña con este clube dende hai case unha década unha relación de filialidade, asume co apoio do Concello a creación do seu primeiro equipo senior para dar cabida a xogadores da comarca nun momento especialmente complexo da categoría, non só por esta desaparición, se non tamén pola incertidume do futuro do Gondomar e do Erizana.
“Coa disolución do Nigrán o municipio quedaba só co equipo senior do Racing Vilariño, así que dende o Concello non dubidamos en sumarnos e apoiar totalmente esta iniciativa que permite non mermar a oferta deportiva no municipio e, con elo, que os mozos que rematan a categoría xuvenil nos seus respectivos clubes teñan unha oportunidade máis de seguir”, sinala o alcalde, Juan González.
A E.D. Val Miñor-Nigrán creará unha comision xestora independente dentro da súa propia xunta directiva para este novo equipo senior, o primeiro co que contan nas súas filas. Así, o novo equipo arrancará a vindeira tempada en Condomínguez en Terceira Rexional e da man do adestrador Alejandro Alonso, ex-xogador do Nigrán e adestrador tamén do xuvenil B da E.D.Val Miñor, equipo co que ven de obter o ascenso a Liga Nacional. A plantilla, a piques de pecharse xa, estará composta por xogadores do desaparecido Nigrán e outros de toda a comarca. Os adestramentos arrancarán en agosto e será presentado públicamente ese mes no torneo Concello de Nigrán, clásico derbi organizado dende o consistorio e que ata agora desputaban o Nigrán C.F. e o Racing Vilariño.
O Nigrán C.F. xurdiu hai máis de 15 anos tras fusionarse o Dunas e o Priegue. Nos seus 12 primeiros anos ascendeu vertixinosamente de Terceira Rexional a Preferente e na derradeira tempada descenderon de Segunda a Terceira Rexional. Só conta contaba cun equipo de afeccionados senior tras acordar unha fusión en 2009 de tódalas categorías base coa E.D.Val Miñor.
Pola súa banda, ED Val Miñor-Nigrán naceu como tal en 2007 trala andaina dende 1996 do Ureca, actualmente é unha das escolas de fútbol máis importantes do Noroeste peninsular con 408 xogadores e 25 equipos federados, tendo pasado polas súas filas 3.000 xogadores, entre os que destacan algúns tan señeiros como os irmáns Alcántara ou Rodrigo Machado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.