Nigrán aproba en Xunta de Goberno un desconto do 25% no prezo de actividades deportivas e culturais

A iniciativa proposta polo goberno na comisión informativa do 4 de setembro contou coa abstención de BNG, Nigrán Decide e UCN e o voto contrario do PSOE. Esta bonificación podería incrementarse ata o 50% en casos xustificados previo informe dos Servizos Sociais.
Publicado por o día 07/09/2017 na sección de Cultura,Deportes,Galicia,Nigrán

Nigrán aproba en Xunta de Goberno un desconto do 25% no prezo de actividades deportivas e culturais

O goberno de Nigrán aprobou hoxe en Xunta de Goberno unha bonificación do 25% no prezo das actividades deportivas e culturais para tódolos empadroados en Nigrán neste curso que arranca o 2 de outubro, podendo ascender ata o 50% en casos xustificados previo informe dos Servizos Sociais. A proposta do goberno contou na comisión informativa de Asuntos Xerais coa abstención de BNG, Nigrán Decide e UCN e o voto en contra do PP. Ata agora non existía ningún desconto para os veciños, só prioridade para matricularse.

Así, o Concello abrirá mañá 8 de setembro para os empadroados o periodo de incrición nas actividades deportivas e culturais (o sábado 9 o Rexistro estará aberto), engadindo ás mesmas do ano pasado zumba e pilates grazas á reforma do pavillón, que permite empregar novos espazos antes sen uso e en pésimas condicións (ofrécese ximnasia de mantemento, ximnasia para a terceira idade, aerobic, ioga, tai-chi, taekwondo, patinaxe, tenis, tenis para adultos, zumba e pilates; nas culturais mantéñense música, cerámica, pintura e torno). Posteriormente, o día 25 de setembro, abrirase a inscrición para os non empadroados en caso de existir prazas vacantes. “Os usuarios se atoparán cun pavillón completamente diferente, cunhas instalacións modernas e accesibles nas que se mellorou absolutamente todo, dende os vestiarios e baños ata o acceso, a pista, gradas ou as diferentes salas”, resume o alcalde, Juan González.

As 11 actividades deportivas que se ofertan e 4 culturais, segundo a proposta do goberno, pasan a costar todas 100 euros ao ano (agás o cursiño de tenis para adultos, que é de 50 euros), quedándose para os empadroados en Nigrán en 75 euros. A xustificación dos ingresos que permitiría a bonificación do 50% sería mediante a acreditación documental da totalidade dos ingresos no ano 2016 e non deberían superar un cómputo establecido.

Como unha das principais novidades deste curso, permitirase o uso gratuíto da sala de máquinas cun monitor ao frente para todos aqueles maiores de idade matriculados en actividades deportivas. "Será unha proba piloto, tendo aberta a sala unhas determinadas horas de mañá e ampliándo o horario en función de si existe demanda para elo. O obxectivo é dotar ao pavillón de actividade matinal, pero abriría tamén pola tarde se hai demanda e resulta compatible coas actividades programadas ", explica o alcalde.