Nigrán aumenta 60.000€ a vindeira contratación do servizo de axuda a domicilio

O Pleno aprobou onte a moción de modificación orzamentaria presentada polo goberno para poder facer este incremento e tramitar o novo expediente, xa que a concesión remata en maio.
Publicado por o día 03/02/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán aumenta 60.000€ a vindeira contratación do servizo de axuda a domicilio

O Concello de Nigrán aumentará en 60.000 € o orzamento base de contratación do servizo de axuda a domicilio ata chegar aos 225.000 € depois de que onte se aprobase no pleno a moción do goberno coa proposta de modificación en cuestión. Este acordo permite que os técnicos municipais continúen coa tramitación do expediente de contratación do servizo, xa que a concesión administrativa outorgada á empresa Atendo no 2016 expira xa no mes de maio.

A esta suba de 60.000 € nesta partida se engade á de 20.000 € realizada no ano 2016 polo goberno de Nigrán, o que supón un aumento de 80.000 € (35,5%) en só dous anos. "O obxectivo deste incremento é que a calidade do servizo que ofrezan as empresas sexa excelente e, ao mesmo tempo, chegar a máis usuarios. Trátase dun asunto clave na política social deste goberno no que non se poden escatimar os cartos", defende o alcalde, Juan González.

A previsión dos Servizos Sociais do Concello é que no ano 2018 se asignen 19.896 horas aos usuarios da axuda á dependencia e 3.700 aos de libre concurrencia (non cubertos pola Ley de Dependencia).

O servizo de axuda no fogar inclúe intervencións de carácter persoal, doméstico, socio-educativo ou preventivo que levan a cabo persoal cualificado con supervisión técnica directa dos servizo sociais do Concello. Así, unha traballadora pode axudar a levantarse ou deitarse ao dependente, ocuparse da súa hixiene ou alimentación, acompañalo a consultas ou tratamentos, limpeza e compra na vivenda, lavado de roupa… Ou prestar atención de carácter psicosocial e educativo, socialización, servizo de podoloxía ou fisioterapia… En ningún caso o tempo de atención aos usuarios pode ser menor a 30 minutos diarios.

Préstamo sen xuros

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou onte a moción de urxencia presentada polo goberno para solicitar á Deputación de Pontevedra un préstamo sen xuros de 369.905,05€ destinado a financiar a totalidade da contía municipal para a construción da nova biblioteca municipal. A futura instalación está orzamentada en 1.849.525€, facéndose cargo a Deputación do 80% do investimento trala concesión dunha subvención para o reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes. O 20% restante do orzamento total se corresponde aos 369.905,05 € que o goberno presentará á Deputación para a concesión deste préstamo sen xuros nen comisións de apertura. O obxectivo do goberno é amortizalo en tres anos.

“A nova biblioteca é unha realidade que está aí, temos o proxecto e xa resolvemos a cuestión da financiación do xeito máis vantaxoso para Nigrán.

Soupemos aproveitar tódalas oportunidades que se presentaron para ter unha nova instalación moi necesaria para Nigrán sen que isto afecte prácticamente ás arcas municipais”, conclúe o alcalde, Juan González.