Nigrán conmemora o 25-N, día internacional da eliminación de violencia contra as mulleres, coa campaña “Nigrán en negro”

Publicado por o día 11/11/2020 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán conmemora o 25-N, día internacional da eliminación de violencia contra as mulleres, coa campaña “Nigrán en negro”

O Concello de Nigrán conmemorará un ano máis o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con diferentes accións revindicativas. Así, a iniciativa do Centro de Información as Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, centos de establecementos do municipio “vestirán” esa semana os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato. Paralelamente, o goberno de Nigrán proporá unha moción institucional no pleno ordinario do 23 de novembro reiterando o seu compromiso para erradicar esta lacra da nosa sociedade.

O ano pasado ao redor de 160 establecementos nigranenses de todo tipo participaron na campaña. Dende o Concello anímase de novo ao sector do comercio a implicarse nesta edición convertindo a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas. Desde o Concello repartiranse carteis, camisetas, máscaras e demáis merchandising entre os establecementos comerciais (actualmente hai aberto un sorteo público a través da páxina do CIM de Nigrán en Facebook). Os establecementos que queiran participar só teñen que chamar ao teléfono 986 383081 ou enviar un correo electrónico a [email protected]

Neste 2020 cúmprense 20 anos da designación desta data por Nacións Unidas. E un ano máis o Concello de Nigrán quere mostrar o seu apoio a tódalas vítimas: ás mulleres asasinadas, aos seus fillos  e fillas orfos; ás súas nais, pais, irmáns, irmás, amigos. Por iso, desde o goberno de Nigrán proporase unha moción institucional no vindeiro pleno ordinario do 23 de novembro ratificando o compromiso do municipio cos dereitos das mulleres e a erradicación de calquera tipo de violencia contra elas.

“Compartimos a súa dor, a súa desolación e combatemos a súa causa (…) A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obrigación.

A violencia machista interpélanos a todos e as administracións locais debemos combatela con todos os medios ao noso alcance”, recolle a moción, que finaliza coa proposta de aprobación dos seguintes acordos plenarios:.

1. Ratificar o compromiso firme do Concello coa igualdade de xénero, os dereitos das mulleres e a erradicación de calquera tipo de violencia contra as mulleres.

2. Impulsar e/ou reforzar as medidas contidas na Lei Integral contra a Violencia de Xénero do 28 de Decembro de 2004 e no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero no marco das competencias municipais, así como o seu seguimento.

3. Dotar dos recursos económicos adecuados os instrumentos de loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres.

4. Promover accións de prevención, sensibilización, difusión, acerca da Violencia de Xénero en mulleres maiores de 65 anos destinadas a mellorar o coñecemento dos seus dereitos e dos servizos dispoñibles para atendelas.

5. Reforzar as medidas dirixidas atención ás mulleres que viven no mundo rural, aumentando o número de recursos especializados de atención de forma coherente coa realidade rural e a distribución xeográfica. Adaptación das campañas de prevención e sensibilización ás súas necesidades.

6. Impulsar a colaboración coas entidades e asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista.

7. Intensificar e adaptar todos os recursos dos que dispón o concello relacionados con atención a vítimas de violencia machista durante a pandemia.

8. Combater os posicionamentos políticos que propugnen a negación da existencia da violencia de xénero ou rexeite a validez das políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.

9. Rexeitar todas as formas de violencia contra as mulleres e manifestar o noso compromiso coas vítimas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.