Nigrán continúa o “Mes dos Libros” cun contacontos sobre intelixencia emocional

Por o 13/04/2018 | Sección: Galicia,Nigrán
Nigrán continúa o “Mes dos Libros” cun contacontos sobre intelixencia emocional

O Concello de Nigrán, en colaboración coa librería especializada en literatura infantil e xuvenil “Donde viven los cuentos”, continúa este sábado o mes dedicado á promoción da lectura entre os máis pequenos cun contacontos sobre intelixencia emocional a cargo da especialista Loreto Pertíñez. Será ás 12:00 horas e, en caso de choiva ou ameaza de choiva, a actividade celebrarase no Auditorio Municipal en vez de na Praza do Concello. Os contacontos terán lugar todos os sábados do mes de abril a mediodía e están dirixidos a cativos de entre 3 e 8 anos.

Carla Muñoz, de “Donde viven los cuentos”, foi a responsable de deseñar toda a programación, que seguirá o día 21 con Miguel Ángel Alonso Diz e Matrácala o 28. A maiores, a propia Carla realizará o contacontos do día 23 na Biblioteca Municipal (Día do Libro) e os luns nos colexios públicos de Nigrán que o solicitaron a través do Concello (no horario lectivo do centro e para o alumnado).

O “Mes dos Libros” en Nigrán complétase cos “Fíos do Querer” de Cé Orquestra Pantasma a tarde do venres 27 na Praza do Concello, actividade que irá acompañada dun obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. “Fíos do Querer” é para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar… O punto e final a toda a programación do mes será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro “pintando a música” baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o “Príncipe dos libros de Preescolar”.