Nigrán engade ao espazo dunar de Praia América os 1.000 metros cadrados da Escola de Vela

Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán engade ao espazo dunar de Praia América os 1.000 metros cadrados da Escola de Vela

O Concello de Nigrán engadiu mil metros cadrados ao espazo dunar protexido de Praia América-Panxón tras desmantelar a Escola de Vela que, durante 14 anos, viña ocupando eses terreos irregularmente e de xeito gratuíto. Esta zona xa está acotada para impedir o tránsito e será rexenerada nos vindeiros días. Deste xeito, o espazo dunar de Nigrán suma xa 36.000 metros cadrados.

Paralelamente, o Concello incluíu este ano xunto a adxudicación de quioscos de verán un posto de aluguer de esquí náutico e vela cun cánon de 2.500 € que se situará ata o 30 de setembro nestas inmediacións.

“Queremos protexer ao máximo o ecosistema natural de Praia América devolvéndolle o seu equilibrio natural, esta é unha medida nesta liña e que casa co proxecto actual de mellora dos marxes do río Muíños que busca, entre outras cousas, evitar a gran erosión do sistema dunar”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

O Servizo Provincial de Costas del Estado, a petición do Concello tras detectar diversas irregularidades, retiroulle á antiga Escola de Vela “Beach Escolas” a concesión administrativa que lle permitía ocupar mil metros cadrados do dominio marítimo-terrestre de Lourido, polo que en marzo os propietarios procederon a retirar a instalación da gran caseta de madeira. “Ocupaban un espazo desmesurado de xeito permanente pese a só funcionar no verán e non abonaban nin un euro ao Concello, nin sequera o consumo de luz e auga”, explica o rexedor, quen reitera a súa aposta polos deportes náuticos “pero de xeito regulado e suxeito á normativa municipal, como se fixo coa nova concesión temporal de verán”.

Paralelamente, o Concello de Nigrán instalará na vindeira semana novos paneis educativos no sistema dunar que conteñen información ornitolóxica e sobre as plantas invasoras que o ameazan co obxectivo de concienciar á poboación da importancia de preservar estes lugares naturais.