Nigrán incluirá a rehabilitación de sete lavadoiros municipais en 2020

Publicado por o día 17/12/2019 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán incluirá a rehabilitación de sete lavadoiros municipais en 2020

O goberno de Nigrán deu conta no Pleno ordinario deste luns do proxecto aprobado en Xunta de Goberno para rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun orzamento base de 128.959 €, cuestión que se incluirá no Plan Concellos 2020 e no orzamento 2020 e que se irá extendendo a todos os lavadoiros públicos. A sesión, adiantada como cada mes de decembro por mor do Nadal, servíu para dar conta dos proxectos aprobados en Xunta de Goberno, facultade delegada polo propio Pleno no mes de outubro.

O obxectivo de rehabilitar os lavadoiros é por en valor este patrimonio que, debido a engadidos moi posteriores a base de materias como formigón ou bloques, presenta unha imaxe de conxunto desvirtuada e carente de interese.

“Interviremos naqueles lavadoiros que si son de titularidade municipal harmonizando a súa imaxe de conxunto para devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Compre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, indica o alcalde, Juan González.

En concreto, o Concello intervirá nos lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeño (Priegue) e San Xoan (Panxón). O proxecto, asinado polo arquitecto nigranés Severo Fernández, contempla limpar e restaurar manualmente a cantería existente de todos eles (sen empregar máquinas hidrolimpiadoras ) e eliminar e desmontar todos os elementos construtivos alleos ao lavadoiro orixinal. Asi, nos sete lavadoiros se eliminarán as respectivas cubertas de formigón e cimentos porque non son orixinais do conxunto e lles restan valor para, a súa vez, construír novas cubertas a dúas augas (ou segundo a situación e tipoloxía) que serán de tella curva sobre listóns de pino e apoiadas sobre unha estrutura tamén de madeira. Este cambio, que conta coa autorización de Patrimonio, creará unha envolvente máis lixeira que contribuirá a por en valor o propio lavadoiro.

Ademais, no caso dos que teñen actualmente plaquetas ou muretes de formigón ou bloques, estes serán substituídos por granito e se eliminarán as pintadas ou graffitis se os hai, ademais de dotar a todas as contornas dos lavadoiros de puntos de luz.

Saneamento

Ademais, o goberno tamén deu conta do proxecto de obra aprobado en Xunta de Goberno para instalar saneamento na rúa Carreiro (Panxón) cun orzamento base de 90.547 € e que inclúe a renovación da estrada, en moi mal estado e, ao mesmo tempo, na rúa Carousa (Camos) cun orzamento base de 51.084 € (tamén saneamento e renovación do pavimento).

Comentar noticia

Your email address will not be published.