Nigrán lanza a campaña “Paciencia, cariño e calma” para visibilizar na rúa e nas redes aos nenos e nenas confianadas nas súas casas

O Concello de Nigrán lanza unha campaña propia baixo o lema ‘Paciencia, Cariño e Calma’ para volver a facer visibles aos nenos e nenas nas rúas do municipio. O goberno local insta ás crianzas a debuxar un corazón baixo este lema e a pegalo nas súas xanelas ou balcóns e nas redes sociais co hashtag #NigranQuedaNaCasa. O modelo de ilustración está dispoñible na web municipal e no facebook oficial Concello De Nigrán (para todo aquel que prefira simplemente imprimilo).

O Concello de Nigrán conta con 2.675 menores de idade e, deles, 2.186 teñen menos de 14 anos ou 14, colectivo infantil ao que se dirixe especialmente esta campaña que pon o punto de atención na infancia. “Os nenos e nenas desapareceron por completo das rúas hai xa dúas semanas, non saen a comprar, traballar, ou pasear ao can, son os máis castigados do confinamento e o mellor exemplo para os adultos, por iso queremos que sexan visibles mediante estes debuxos dun corazón que nos subliñan o importante nesta situación: paciencia, cariño e calma”, sinala o alcalde, Juan González, quen fai un especial chamamento ao respecto daqueles menores que teñen dereito a realizar saídas terapéuticas, “non pre-xulguemos nada desde o balcón e sexamos os adultos un exemplo positivo para todos os nenos, os que saen, e os que deben quedar na casa. Non engadamos malestar e discriminación aos colectivos que, precisamente, peor o pasan confinados”

“Non é o mesmo para un neno estar pechado nun piso que nunha casa con xardín onde xogar. Esta é unha campaña para eles porque son o mellor exemplo nestes intres para os adultos, pero vai especialmente dirixida a aqueles que viven en pisos, para que os vexamos desde a rúa ou de balcón a balcón, nos motivemos entre todos e os tomemos a eles como exemplo para quedar na casa”, indica o rexedor, quen anuncia que nesta semana acompañará a campaña de material de entretemento elaborado especialmente para eles.

O Concello de Nigrán xa elaborara cartelería específica baixo o lema ‘Paciencia, Cariño e Calma’ para difundir toda a información de interese municipal nestes intres de estado de alarma. “É un lema que nos define como Concello e que queremos estender a toda a poboación”, conclúe González.

Aniversarios

Paralelamente, o Concello de Nigrán propón ás familias de menores que estean de aniversario nestas datas de confinamento que escriban a comunicacion@nigrán.org indicando o día exacto, nome, idade e edificio ou rúa onde viven. O obxectivo é avisar publicamente a través do Facebook do Concello De Nigrán para que a veciñanza máis próxima saia ao balcón ás 18:00 horas para cantarlle ao neno/a en cuestión o ‘Cumpreanos feliz’. “Podemos facer entre todos que ese día si teña algo de especial que sempre recordarán”, incide o alcalde, quen invita aos veciños a enviar ao mesmo mail vídeos do resultado desta iniciativa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM