O Concello de Nigrán presentou hoxe no CEIP A Cruz (Camos) a súa primeira campaña municipal de recollida de árbores de Nadal para a súa posterior replantación co obxectivo, ao mesmo tempo, de promover a sostibilidade e a concienciación ambiental entre a veciñanza. Esta iniciativa, pioneira na comarca, terá como resultado un novo bosque de abetos e pinos no espazo público do parque de Poutón (Vilariño). Alí, escolares e usuarios do Juan María realizarán a reforestación o luns 13 de xaneiro (no caso de resultar demasiadas árbores tamén se replantarán nalgunha das zonas de monte comunal queimadas nos incendios de 2017).
Baixo este criterio, o Concello implicou aos colexios públicos (CEIP Humberto Juanes, Mallón, Carlos Casares, A Cruz , Arquitecto Palacios e CEE Juan María) como punto de recollida dos exemplares entre os días 8, 9 e 10 de xaneiro en horario escolar, a maiores, o viveiro Figueragro (Avda. Ramallosa, 107) tamén se sumou como lugar de entrega e de asesoramento técnico. Na campaña colaborarán as concesionarias CESPA trasladando os exemplares, Brocoli (adxudicataria da conservación e reposición de zonas verdes) na plantación e poda e Aqualia no rego empregando só auga dos tanques de tormenta de Porto do Molle, o que permitirá a súa reutilización. Deste xeito, o Concello desenvolve unha iniciativa de economía circular contemplada na Axenda 2030 para acadar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible a través das alianzas.
“Trátase dunha campaña do Concello de Nigrán na que tamén implicamos a empresas e cidadanía en xeral porque o obxectivo non é só crear un bosque, ímos máis alá, buscamos a concienciación ambiental, difundir a reutilización e, en definitiva, a sostibilidade”, defende o alcalde, Juan González, quen preside o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que, entre outras cuestións, promove intensamente na política local a Axenda 2030.
O Concello agarda recibir entre 60 e 100 árbores e insiste en que se trata de recollida de árbores naturais en bo estado para a súa replantación, non se recollen ramas, exemplares cortados ou secos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.