Nigrán levará ao vindeiro pleno a renovación das rúas Ponte Muiña e Gándara

O proxecto, de 253.000 euros, conta cunha subvención da Xunta de 120.000 € e inclúe a renovación do firme, cambio da iluminación, instalación de pluviais ou mellora da sinalización horizontal e vertical engadindo unha senda peonil.
Publicado por o día 24/06/2018 na sección de Galicia,Nigrán
Nigrán levará ao vindeiro pleno  a renovación das rúas Ponte Muiña e Gándara

O Concello de Nigrán levará ao vindeiro pleno do 28 de xuño a renovación por completo das rúas Gándara e Ponte Muíña que dan acceso ao parque empresarial Porto do Molle e que precisan dun investimento total de 253.000 € dos que a Xunta subvenciona 120.000 € como parte da “mellora de accesos ao parque empresarial”. A cuestión, dictaminada favorablemente na comisión informativa desta semana, precisa ir ao pleno para dotala do crédito de 133.000 € que lle corresponde aportar ao Concello e que sería a cargo do convenio de aproveitamento de Porto do Molle asinado en 1999 con Zona Franca. O proxecto, que deberá estar executado antes do 31 de outubro deste ano, contempla a sustitución da capa de rodadura, nova iluminación, instalación de saneamento e mellora da sinalización horizontal e vertical e creación, ademais, dun cebreado peonil pintado e delimitado lonxitudinalmente.

“Trátase de dúas rúas fundamentais no acceso a Porto do Molle e ao IES Val Miñor e que actualmente se atopan en pésimo estado, cun firme completamente deteriorado, provocando as lóxicas queixas dos seus usuarios, polo que consideramos esta obra prioritaria”, resume o alcalde, Juan González.

A rúa Ponte Muiña é de dobre sentido cun ancho medio de 6,3 metros e unha lonxitude de 700 metros, mentras que a rúa Gándara ten sentido único, un ancho medio de 7 metros e unha lonxitude de 381,2 metros. Non goza de beirarrúas ou delimitación para peóns, por iso, co obxectivo de reforzar a seguridade dos camiñantes, contémplase a creación dunha senda peonil mediante o pintado dun cebreado lonxitudinal que permitirá dar continuidade ás beirarrúas incompletas do entorno da glorieta que da acceso ao parque en Ponte Muíña. A senda tamén dará continuidade as beirarrúas da rúa Gándara, ao lado do Mercadona.

“Desde o goberno consideramos que a forma natural e básica de desprazarse é camiñando, polo que a renovación dunha estrada non pode contemplar só aos vehículos, en cada proxecto prestamos sempre especial atención á seguridade do peón”, destaca González. “Era un dos compromisos que asumimos cos veciños e foi incluído nos orzamentos”, engade.

A obra inclúe tamén a instalación de saneamento e unha renovación do aglomerado e da sinalización vertical e horizontal, ademais de instalar 33 novos puntos de de luz formados por unha columna de 8,60 metros de altura e con brazo de 1 metro e luminaria LED con regulación automática preprogramada.