Nigrán ofrece programa de educación ambiental en centros públicos de primaria e infantil

“Aula Verde” busca a sensibilización medioambiental a través de obradoiros relacionados con temas chave como o cambio climático, consumo responsable, reciclaxe, enerxías renovables…
Publicado por o día 16/11/2017 na sección de Educación,Galicia,Medio Ambiente,Nigrán

Nigrán ofrece programa de educación ambiental en centros públicos de primaria e infantil

O Concello de Nigrán ofrece novamente este curso o programa de educación ambiental “Aula Verde” en tódolos centros públicos de Infantil e Primaria do municipio e o de Educación Especial Juan María cun investimento total de 4.000 €. Este trata diversos temas relacionados coa sensibilización medioambiental (cambio climático; consumo responsable de productos, auga ou enerxía; fomento da eficiencia enerxética…) ben de xeito transversal nas diferentes áreas deseñadas para o programa formativo e, en concreto, nos obradoiros que se levan a cabo nos diferentes colexios ata finais de ano e que se retoman de marzo a xuño.

“Cremos na educación como a mellor ferramenta para ter un presente e un futuro mellor, queremos que estes nenos sexan uns consumidores responsables e preocupados pola súa contorna, por iso apostamos fortemente por Aula Verde. Precisamente, o periodo de seca que está a atravesar Galicia e os incendios do día 15 poñen aínda máis de relevo a importancia destes obradoiros”, sinala o alcalde de Nigrán, Juan González, quen visitou onte xunto ao edil de Educación Luis Sanromán o CEIP Da Cruz (Camos) para coñecer de preto o obradoiro “Gastar pouco e reciclar moito” no que, entre outras cousas, os nenos empregaron materiais de refugallo para construir xoguetes.

O conxunto de obradoiros que se levan a cabo nos centros, dunha duración aproximada de 3 horas, xira en torno ao cambio climático, o consumo responsable e a eficiencia enerxética e, finalmente, o coñecemento do medio natural local. Todo elo se aborda a través da realización de múltiples actividades lúdicas que inclúen dende visitas guiadas á narración de contos, experimentos didácticos, actividades manuais, xogos grupais… Así, colexios como o CEIP Da Cruz (Camos) realizarán saídas enmarcadas nos obradoiros titulados “As praias do meu Concello”, “Os ríos do meu Concello”, “A Foz do Miñor” e “Os Bosques do meu Concello”; mentras que dentro do propio centro levarán a cabo os obradoiros “Gastar pouco e reciclar moito”, “Horto ecolóxico” e “Da horta ao bote”.