Nigrán participa no “Proxecto Ríos” cunha limpeza na desembocadura do río Muíños

Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán participa no “Proxecto Ríos” cunha limpeza na desembocadura do río Muíños

O Concello de Nigrán súmase por cuarto ano consecutivo este domingo ao “Proxecto Móllate polos Ríos” coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará na desembocadura do río Muíños, en Praia América (nas anteriores ocasións foi no Esteiro de A Foz). Trátase da “XI Limpeza Simultánea” e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa educativa que busca a concienciación social. Os interesados en participar deben inscribirse previamente a través do mail [email protected] (indicando o nome e teléfono de contacto) ou na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (986 365 000) e presentarse o domingo 30 ás 17:30 na Oficina de Turismo de Panxón. O Concello facilitará camisetas conmemorativas da xornada, bolsas, luvas e pinchos para recoller o lixo máis comodamente, recomendándose levar botas de auga. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Nos últimos tres anos a realizamos na Foz, onde retiramos moitísimo lixo, e nesta ocasión nos trasladamos á desembocadura do río Muíños, un espazo tamén de gran riqueza natural que debemos preservar ao máximo entre institucións e veciñanza. Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesta a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.