Nigrán substitúe as 81 luminarias de Manuel Lemos e Rosalía de Castro por unhas LED

Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Galicia,Nigrán

Nigrán substitúe as 81 luminarias de Manuel Lemos e Rosalía de Castro por unhas LED

O Concello de Nigrán ven de substituír as 81 luminarias antigas de vapor de sodio da Avenida Manuel Lemos e Rosalía de Castro por unhas novas de tecnoloxía LED por importe de 40.000 €, completando así a renovación de todo o traxecto dende o centro de A Ramallosa a Nigrán. O troco permite reducir a potencia de consumo de 22,36 kWh a 8,6 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico. Ademais de mellorar a calidade da iluminación, realizouse unha mellora adicional no paso de peóns de Ureca (non regulado por semáforo) para que os camiñantes sexan visibles a longa distancia.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito… O obxectivo de todos estes trocos é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter excedido o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as substitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.