Ningunha demanda pode poñer en risco a Cidade Deportiva do Celta en Mos

Os límites establecidos no PXOM de Mos son os marcados polo Instituto Xeográfico Nacional
Por o 10/04/2018 | Sección: Celta,Deportes,Fútbol,Galicia,Mos
Ningunha demanda pode poñer en risco a Cidade Deportiva do Celta en Mos
Compartir en:

“Ladran Sancho, señal de que cabalgamos”. A célebre frase que Cervantes puxo en boca do seu personaxe literario, El Quijote, foi a resposta que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, deu á publicación de La Voz de Galicia de hoxe na que se asegura que “una demanda pone en riesgo la Ciudad Deportiva del Celta en Mos”. A rexedora local mosense desminte con rotundidade esta afirmación “porque a clasificación do solo no que se ubicará a Cidade Deportiva é a mesma con Plan Xeral ou sen el. É dicir, era o mesmo tipo de solo antes de aprobarse o PXOM, cando estaban en vigor as Normas Subsidiarias de 1992. Polo tanto, a Cidade Deportiva do Celta sempre se podería construir en Mos (nunca estaría en perigo a súa construción)”.

Arévalo explicou esta mañá que a demanda obxecto de polémica é un recurso particular á orde de aprobación definitiva da Xunta de Galicia dun empresario do Polígono do Rebullón que co novo Plan Xeral de Mos queda fóra do termo municipal mosense e pasa a pertencer a Vigo e ao que lle interesaría pertencer a Mos porque polas normas de Vigo os terreos das súas naves atópanse en solo rústico.

A alcaldesa insiste en que os límites aprobados polo Concello de Mos no PXOM son os marcados polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), segundo o esixido pola Xunta de Galicia. Nidia Arévalo declarou a este respecto que “nós nos mativemos nos límites marcados polo IGN a pesar de que nos perxudicaba, perdendo superficie de terreos en beneficio do Concello de Vigo. Resulta polo tanto dobremente agraviado o Concello de Mos, por un lado porque perde territorio e por outro pola mencionada demanda”.

A propia Xunta de Galicia xa lle contestou ao particular demandante defendendo, literalmente, “a legalidade do PXOM de Mos” e aportándolle precedentes xurídicos de que non existen motivos para a nulidade do Plan, ademais de que a modificación que alega e esixe “non é unha modificación substancial”.

Mos ten 53 millóns de metros cadrados. E os terreos afectados do particular denunciante que pasan a estar en territorio de Vigo co novo PXOM mosense son só 60.000 metros cadrados que supoñen o 0,09% da totalidade do territorio do Concello de Mos.

Os recursos presentados ao Plan Xeral de Mos foron só 9: noutros casos, coma o de Vigo por exemplo, houbo máis de 100 recursos presentados. Dos 9 recursos presentados en Mos, 8 foron de veciños particulares que reclamaron pola súa parcela e 1 é este referente a naves no Polígono do Rebullón.

Nidia Arévalo rematou informando de que o Concello de Mos está a preparar a súa contestación ao recurso, xa que todavía está en prazo. E respecto do tema do deslinde, declarou que “é un asunto independiente ao do PXOM, está en trámite cos concellos de Vigo, Porriño, Redondela e Ponteareas; así coma xa se realizaron diversos contactos coa Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. Trátase dun problema histórico que non ten nada que ver co Plan Xeral nin afecta á legalidade do mesmo”.