No Día do Medio Ambiente Amigos da Terra anima á cidadanía a movilizarsepolo clima

Publicado por o día 05/06/2015 na sección de Amigos da Terra,Política

No Día do Medio Ambiente Amigos da Terra anima á cidadanía a movilizarsepolo clima

No Día Mundial do Medio Ambiente dende Amigos da Terra animamos á cidadanía a mobilizarse polo clima camiño ao supercumio do Cambio Climático de París. A cinco meses do inicio do cumio de Cambio Climático de alto nivel de París, Amigos da Terra lanzou a nivel internacional a súa campaña “De camiño a París” para visibilizar todas as dimensións dos impactos do cambio climático e as alternativas necesarias para loitar contra el.

Aínda que as consecuencias do cambio climático afectarán a nivel mundial, tamén Galicia sufrirá importantes impactos. Entre outros moitos efectos, as terras galegas verán alteradas as súas capacidades de produción agrícola, un problema que tamén se estenderá as pesquerías, xa que os cambios que se esperan nas temperaturas das augas que constitúen os nosos caladoiros incidirán negativamente na súa produtividade. Non debemos de esquecer tamén que o cambio no réxime de precipitacións levaranos a sufrir períodos de seca que multiplicarán o risco e a intensidade da problemática de incendios forestais que xa é especialmente virulenta.

Está previsto que as negociacións de París pechen un acordo internacional de redución de emisións, un acordo que necesita ser o suficientemente ambicioso para evitar as peores consecuencias do cambio climático. Ademais, é indispensable que a forma xurídica do acordo sexa estrita, para forzar aos estados a cumprir coas promesas que formalmente se están anunciando ante Nacións Unidas.

Amigos da Terra entende que ante a traxectoria do proceso de negociación e a inxustificada falta de avances, é necesario que sexa a cidadanía a que lidere o cambio de sistema cara a un modelo social e económico que respecte os límites do noso planeta.

“Por riba de todo hai que cambiar o modelo enerxético, anulando o poder do oligopolio e primando fórmulas de autoconsumo ou cooperativas de produción e distribución de enerxía nas mans das persoas. Queremos contrapoñer o papel da cidadanía á irresponsabilidade dos líderes políticos”, recordou Raquel Fernández, presidenta de Amigos da Terra, que engade “Ademais de consumir menos enerxía, temos que facer un uso máis eficiente e responsable dela e por suposto producila de xeito sostible e orixe renovable “.

Así, a campaña de Amigos da Terra vai reunir os testemuños de cidadáns e cidadás sobre os impactos do cambio climático nas persoas: como están a afectar as prospeccións de petróleo e fracking, ou a deforestación. Á súa vez, a nova web recompilará as experiencias e alternativas cidadás que están a lograr dar os primeiros pasos para seguir avanzando cara a unha nova sociedade: enerxías renovables distribuídas e xestionadas de xeito participativo, agricultura familiar, ou o camiño cara ao residuo cero.

A nova web da campaña está dispoñible en varios idiomas e levará as peticións cidadás a París en novembro deste ano. Convidamos a todo o mundo a sumar a súa voz a este esforzo colectivo de reivindicación a través da nosa web wearetheenergyrevolution.org/es/sobre-nosotros.

PRENSA AMIGOS DA TERRA