No Día Internacional sen bolsas de plástico: os países europeos mostran a súa verdadeira cara

Por o 03/07/2018 | Sección: Medio Ambiente
No Día Internacional sen bolsas de plástico: os países europeos mostran a súa verdadeira cara
Compartir en:

Zero Waste Europa (ZWE) e Surfrider Europa (SFE), plataformas das que formamos parte organizacións como Surfrider España, Rezero e Amigos da Terra, pomos de manifesto, no 9º Día Internacional sen bolsas de plástico, que os Estados Membro da UE están a atrasarse na eliminación das bolsas de plástico dun só uso e, aínda máis, na redución da contaminación por plástico.

Facemos hoxe público un informe acerca da implementación da lexislación europea de 2015 (Dir EU 2015/720) sobre a redución das bolsas de plástico (1). 18 meses despois de vencer a data límite para a transposición da normativa, consideran insuficientes as medidas adoptadas polos Estados Membro.

No canto de establecer prohibicións ás bolsas de plástico dun só uso, a maioría dos países optaron por acordos voluntarios cos distribuidores ou por incorporar un cargo ás bolsas de plástico; medidas que, en moitos casos, non terán efecto até o próximo ano. Aínda que a incorporación de taxas ou custos sobre as bolsas poida ter un impacto sobre a actitude das persoas consumidoras, só as restricións á distribución de bolsas terán resultados adecuados para a redución das mesmas. De feito, o cargo que se impuxo en moitos países é demasiado baixo ou só limítase a uns poucos distribuidores, polo que non supón un cambio real. A falta de control sobre a aplicación tamén impide o cumprimento das medidas establecidas.

É o caso de España (R.D. 293/2018); o Goberno tardou máis dun ano en aplicar a directiva, e non será até 2021 que prohibirá as bolsas de plástico dun só uso. Até entón, desde este 1 de xullo só aplicará unha taxa disuasoria por bolsa. Ademais, a normativa permite o uso de bolsas de plástico biodegradable despois de 2021. Estas bolsas “biodegradables” representan unha falsa solución, xa que como se establece na norma europea vixente EN 13432:2000, resultan ser “compostable e biodegradables” en particulares condicións industriais e moi dificilmente en condicións naturais.

Os Estados membro teñen que ir máis aló das bolsas, é indispensable aplicar medidas urxentes para restrinxir e reducir a produción e o uso de envases de plástico dun só uso (envases, botellas, cápsulas de café, pallas, toalliñas…), no RD 263/2018, para aliñarnos coa Estratexia Europea de plástico, necesaria para reducir os residuos plásticos en ríos e mares, e na que se plasman as preocupacións da cidadanía europea (2 e 3).

As transposicións realizadas foron unha oportunidade perdida, xa que a aplicación de medidas ambiciosas, como a prohibición, demostraron ser eficaces na redución das bolsas de plástico, contando á súa vez cun gran apoio por parte da cidadanía nos países nos que se implantaron (4).

No informe tamén se mostra que a excepción de taxas ou prohibicións ás bolsas moi lixeiras ou biodegradables son un erro para avanzar cara ao residuo cero. Estas medidas supoñen unha contradición na loita contra a contaminación por plástico e a cultura de usar e tirar, sobre todo cando existen alternativas reutilizables como bolsas de tea, cestas ou carriños, as opcións que deberían priorizarse.

Como parte do movemento global Break Free From Plastic (5), facemos unha chamada aos Estados Membro para implementar con urxencia a Directiva de bolsas de plástico para pór fin a este tipo de contaminación, en liña coa Estratexia Europea do plástico, e en promoción dunha real economía circular.

Una respuesta para "No Día Internacional sen bolsas de plástico: os países europeos mostran a súa verdadeira cara"

  1. Gamela   04/07/2018 at 12:36

    Aquí a única Economía Circular consiste en cargar taxas que lonxe de retornar na mellora do medio ambiente enchen os petos dos de sempre!
    Acaso os 0,15 céntimos de €uro por bolsa vai retornar a algún fondo de loita contra a contaminación ?
    Onte na pescadería da praza de abastos cobráronme 0,5 céntimos por unha bolsa pequena que viña co logo de Pesca de Rías !
    Acaso non temos pagado sobradamente a bolsa para promocionar unha pesca sustentable vía Consellería do Mar ?
    Pero como este é o país dos PÍCAROS todo se reducirá en inflar os beneficios daqueles que siguen a comercializar as bolsas de plástico !
    Cando ían eles a pensar cunha bolsa de plástico podería ter un RETORNO de 25 ptas (0,15) ?
    Mentres tanto ECOEMBES segue capitalizando toda a “reciclaxe” que voluntariamente fan os emprobecidos consumidores !!!