Noa Presas acusa ao PP de cargarse a ILP da CIG contra a pobreza enerxética

A deputada do BNG destaca que o PP “suprime da ILP todas as propostas para rebaixar a factura da luz”.
Por o 05/12/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política
Noa Presas acusa ao PP de cargarse a ILP da CIG contra a pobreza enerxética

17.000 sinaturas,  cincuenta concellos e tres deputacións avalaron a ILP de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética presentada pola CIG, pero que o PP baleirou de contido pola vía de suprimir todas e cada unha das medidas recollidas no texto para combater a pobreza enerxética e permitir que Galiza se beneficie de ser produtora excedentaria de electricidade. Como resultado, un texto “descafeinado” que motivou o voto en contra do BNG.

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, fixo un recoñecemento expreso do “incansable traballo” do sindicato nacionalista nesta cuestión que, pese ao falido resultado derivado do rodillo do PP, abriu un debate sobre o necesario cambio de rumbo do modelo enerxético. Por iso, a deputada criticou que o grupo do Goberno “baleirase de contido a ILP sen permitir nin tarifa eléctrica propia, nin medidas para que a enerxía sexa un ben público, nin medidas contundentes contra a pobreza enerxética”.

É dicir, “converten a iniciativa nunha declaración de intencións sobre eficiencia enerxética  e, por riba, sen a máis mínima credibilidade xa que veñen de recortar esa partida orzamentaria nun 38%”, salientou Presas, quen atribuíu o apoio do PP á tramitación da ILP “a unha mera cuestión de conveniencia ante un debate asentado na sociedade”.

 “Renuncian a actuar para que a enerxía sexa un servizo público e non un elemento de especulación e lucro que beneficia a tres grande eléctricas, renuncian ao rescate social de 700.000 galegos e galegas en risco de exclusión social poñendo en marcha unha tarifa diferencial”, criticou.

O BNG criticou a renuncia da Xunta a participar no sector a través de empresas públicas ou mixtas, a diversificar as fontes de enerxía e a incluír Galiza no plan do carbón vixente. Igualmente, o veto a unha tarifa industrial estable que substitúa a interrompibilidade e, por suposto, unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e ás PEMES, cunha redución do 30% nas peaxes enerxéticas para compensar polos custes ambientais de se produtores netos.

Unha proposta que realmente permitiría combater a pobreza enerxética, algo que non logra o bono social da Xunta, que só chega ao 10% da poboación afectada, alegou a deputada.

Exemplo de Muras

“Supoño que estes días, con temperaturas por debaixo de cero, prenderían vostedes a calefacción”, interpelou Presas á bancada do PP, “pero en Galiza hai miles de familias que non poden facelo porque non poden pagar a factura da luz nun país que exporta electricidade”. A deputada salientou que o BNG xa leva á práctica a proposta de poñer a riqueza enerxética ao servizo da maioría social, como fai no Concello de Muras, que conta co maior número de xeradores eólicos do país.

A través dunha ordenanza do goberno municipal que lidera o alcalde Manuel Requeixo, a veciñanza ten a luz gratis ou con grandes descontos, logrando así erradicar a pobreza enerxética mellorando ademais a saúde das persoas e contribuíndo a fixar poboación no rural, compensando ás persoas residentes polo impacto ambiental dos eólicos. “O traballo de Muras é un exemplo e debe ser alento para seguir traballando”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo

Una respuesta para "Noa Presas acusa ao PP de cargarse a ILP da CIG contra a pobreza enerxética"

  1. Gamela   05/12/2017 at 7:15

    O Parlamento de Galicia deberan pechalo de vez… https://i.gal/gamela09
    Viva a República de Muras !!!

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.