Noa Presas denuncia discriminación por sexo no servizo de limpeza da Xunta

Afirma que o cadro de persoal formado polo 80% por mulleres cobra 1.600 euros menos ao ano que os homes do mesmo servizo
Publicado por o día 24/10/2018 na sección de BNG,Política

Noa Presas denuncia discriminación por sexo no servizo de limpeza da Xunta

A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas preguntou hoxe ao goberno que medidas emprenderá contra unha situación que cualificou de “gravísima e bochornosa”, a discriminación por razón de sexo das traballadoras da  limpeza da Xunta de Galiza.

A parlamentaria, tras saudar ás traballadoras presentes no debate na tribuna de convidados,  explicou que este colectivo leva meses mobilizándose e mesmo antes do verán, remitiron diversas denuncias á consellería de Vicepresidencia ademais de concentrarse ante a Xunta e Parlamento para visibilizar as súas demandas.

A última vez, lembrou Presas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  preguntou a Feixóo durante o  no Debate do Estado da Nación, se consideraba xusto que unha muller que limpa o seu despacho cobre menos que un home, pregunta, por certo,  á que o presidente do Executivo eludiu  responder e moito menos, comprometerse para poñer fin a esta discriminación. “Non sei se non se enteraron ou non se queren enterar” pero dende o BNG, afirmou “non imos permirir que o goberno sega mirando para outro lado”.

A deputada tamén explicou que os homes neste servizo poden ascender de categoría e converterse en peón especialista o que supón cobrar “un salario máis alto ao mes polo mesmo traballo” e a maiores, incrementar este salario con pluses de “perigosidade, toxicidade, e dispoñibilidade”, pluses, denunciou que “non percibe ningunha muller na mesma situación” polo que, dirixíndose ao conselleiro, Alfonso Rueda, afirmou que “as mulleres non temos superpoderes e se temos que andar con produtos tóxicos temos os mesmos riscos que calquera home e merecemos a mesma compensación”.

O PP TAMPOU OS OLLOS PARA NON VER O 8M

Falamos dixo Presas, dun cadro de persoal no que o 80% son mulleres e cunha fenda salarial “inaceptable”. “As mulleres cobran 1.600 euros menos ao ano que os homes” e preguntámonos que  diferenza hai  entre unha limpadora e un peón especialista, categoría, só permitida para os homes. Vostedes, o 8 de Marzo dixeron que tomarían nota das reclamacións das mulleres e o que estamos é a comprobar é que “pecharon os ollos” para non ver esa realidade.

Non estamos ante un conflito empresa-empregadas, estamos ante a constatación dunha “desigualdade e fenda salarial” nunha contrata pública que pagamos todos en todas e co silencio da Xunta. Si isto acontece na administración pública, como vai vostede a convencer á privada contra a discriminación por razón de sexo?

A parlamentaria insistiu na súa pregunta: Que actuacións levou ou vai levar a cabo o goberno galego para atallar a situación de discriminación laboral por razón de sexo que se está a dar no servizo de limpeza da Xunta de Galiza?

Tras a resposta do titular de vicepresidencia, a deputada lamentou que o conselleiro Rueda desaproveitara a oportunidade de facer público “un compromiso firme” para poñer fin a unha situación de “discriminación salarial por razón de sexo” na contrata do Grupo Norte en Santiago de Compostela, cuestión que depende da Xunta de Galiza e no que debe intervir para poñer punto final a un disparate que permite que só os homes poidan acceder á categoría de peón especialista e aos pluses.