Noela Blanco: “A Xunta, “a velas vir” co peche de Unitono en Ourense este próximo venres”

Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Política,PSOE

Noela Blanco: “A Xunta, “a velas vir” co peche de Unitono en Ourense este próximo venres”

A parlamentaria socialista Noela Blanco acusou onte á Xunta de estar “a velas vir” no peche de Unitono, a empresa que ata o próximo venres xestiona a atención telefónica a Naturgy en Galicia. Blanco presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que acusou ao conselleiro de Industria de “tomar parte por Naturgy” e non polas traballadoras afectadas pola marcha da central telefónica a Reus e Colombia.

A responsable socialista denunciou a “indiferenza e preguiza” do goberno galego diante desta situación que afecta a 130 postos de traballo en Ourense e A Coruña e que demostra o “esgotamento” da Xunta cando “deberan estar esixindo a Naturgy que a atención aos consumidores se dea con calidade, na nosa lingua e mantendo os postos de traballo”.

Criticou que a Xunta non teña feito ningún tipo de xestión na defensa destes postos de traballo diante tanto de Naturgy, que “o ano pasado tivo beneficios de 1.200 millóns explotando os nosos recursos naturais”, como de Unitono, que fixo ás traballadoras vítimas dunha “mala estratexia empresarial”.

Esixiulle ao goberno galego que “dean exemplo, comecen a fomentar licitacións onde garantan a protección de datos, a calidade e a proximidade” e garantan “servizos e un retorno económico para a nosa Comunidade Autónoma”. Advertiu que do contrario “o polígono e o parque tecnolóxico de Ourense terán novos usos: prácticas de coche e aparcamento”, dixo en ton sarcástico.

Sinalou que a perda destes postos de traballo supón un “duro varapau” para unha cidade e unha provincia que teñen perdido 120.000 habitantes dende 1980, conta cos 32 concellos co menor ratio entre cotizantes e pensionistas do Estado e pasa por ser a provincia coa taxa de actividade máis baixa do Estado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.