Noela Blanco denunciou hoxe a “cara dura de cemento armado” amosada polo PP e a Consellería de Sanidade ao intentar desmentir un documento asinado polo Sergas anunciando a desaparición de 14 postos de traballo na cociña do CHUOU

Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Política,PSOE

Noela Blanco denunciou hoxe a “cara dura de cemento armado” amosada polo PP e a Consellería de Sanidade ao intentar desmentir un documento asinado polo Sergas anunciando a desaparición de 14 postos de traballo na cociña do CHUOU

A parlamentaria socialista Noela Blanco denunciou hoxe a “cara dura de cemento armado” amosada polo PP e a Consellería de Sanidade ao intentar desmentir un documento asinado polo Sergas anunciando a desaparición de 14 postos de traballo na cociña do CHUOU. A responsable socialista presentou unha iniciativa parlamentaria para frear o desmantelamento e privatización do servizo e a perda de postos de traballo, que foi rexeitada polo PP.

Noela Blanco respondeulle hoxe ao PP e ao Sergas co documento entregado polo xerente do CHUOU aos traballadores do centro o pasado 7 de agosto coa proposta para reducir 14 postos de traballo na cociña, e acusounos de “mentir e negar a realidade”. Ademais, criticou que o PP teña a “desfachatez” de presumir de que non se suprimirán postos de traballo fixo cando “actualmente tan só 25 dos 96 traballadores son fixos, unha temporalidade de máis do 70 por cento”.

Os profesionais que queden logo do desmantelamento do PP, explicou, terán que asumir ademais un incremento do número de menús que terán que preparar, xa que ás más de 800 dietas que teñen que asumir hoxe sumaranse as 120 do Hospital de Verín, co que “terán que facer máis de 1.000 dietas con menos persoal”.

Advertiu que a proposta do goberno galego estea baseada na implantación dunha “liña mixta” na que os traballadores cociñan unha vez á semana, refrixeran a comida e requentan á medida que a necesitan, cunha perda drástica na calidade do servizo.

Apuntou ao xerente do CHUOU, recén chegado dende o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde implantou o mesmo modelo de “liña fría” no que tiveron que cambiar a concesión á empresa privada que xestionaba o servizo por incumprir os estándares de calidade mínimos. Alertou de que “quere facer o mesmo que fixo na cidade olívica, que é diminuír a calidade da comida e encamiñar a súa privatización”.

Blanco lamentou que o goberno galego trate a Ourense como “desguace ou planta de reciclaxe de persoal, onde envían aos altos cargos que non serven”, e lembrou neste sentido que este é o cuarto xerente que desfila polo centro en apenas dous anos e medio.

A parlamentaria socialista deu o seu apoio expreso aos profesionais do centro que se están a concentrar hoxe fronte ás portas do Hospital para denunciar as condicións laborais e asistenciais. Sinalou que “xa vale de tomaduras de pelo” por parte do conselleiro de Sanidade, que nun centro que ten o aparcamento pechado, aínda non ten Hemodinámica 24H nin Cirurxía Pediátrica 24H, teña “a desfachatez de anunciar as obras dos accesos por 40.000 euros”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.