Noela Blanco: “Dixitalización “tarde, mal e arrastro” da CRTVG”

Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Política,PSOE

Noela Blanco: “Dixitalización “tarde, mal e arrastro” da CRTVG”

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noela Blanco, censurou hoxe a xestión do proceso de dixitalización da CRTVG, feito “tarde, mal e arrastro” polo equipo directivo. Na comparecencia do director do ente no Parlamento, reivindicou “diálogo” e que “escoite aos traballadores” nas súas necesidades no novo contexto, xa que son “os verdadeiros responsables de que o proceso remate con éxito”.

Blanco comezou a súa intervención criticando que a directiva actual tivera paralizado a dixitalización iniciada durante o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, freando o proceso durante 6 anos ata que foi a última televisión autonómica do Estado en dixitalizarse. Criticou que agardaran “ata que non viron que eramos os últimos de Filipinas e diante das dificultades de repoñer equipos técnicos e material, tratábase de implementalo ou pechar”.

Seis anos despois, dixo, retomaron o proceso logo de despedir aos profesionais que se estaban facendo cargo, anulando o acordo coas 3 universidades galegas para desenvolver o sistema e adxudicándolle a Telefónica o novo software pechado, alugado, obrigando a pagar aparte as modificacións e cambios.

Sobrecuste

Blanco criticou que finalmente o proceso de dixitalización foi implementado o pasado 2 de outubro con máis dun ano de retraso sobre o calendario previsto e con 900.000 euros de sobrecuste sobre os 15 millóns previstos, incluíndo 75.000 euros en sillas con dúas partidas orzamentarias distintas para o mesmo obxectivo.

A responsable socialista alertou dos “eufemismos” trasladados hoxe polo responsable da CRTVG e polo PP, que falaron da necesidade de “perfís profesionalmente máis flexibles”, e preguntou se “non será un sinónimo de que valoran iniciar un proceso de despedimentos no ente a medio e curto prazo”.

Ademais, advertiu das alusións á “adaptación da Lei de Medios” e preguntou se “están a preparar unha reforma da Lei que foron incapaces de cumprir durante os sete anos que leva en vigor” nos que non acataron o nomeamento do director por maioría parlamentaria, de impulsar o Estatuto Profesional, o Consello de Informativos e o primeiro contrato – programa para frear a manipulación política dos informativos.