Nomean ao profesor Fernando Pérez, editor xefe da revista da Asociación Europea para o Procesamento de Sinais

É o director do Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións (GPSC) de atlanTTic
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Nomean ao profesor Fernando Pérez, editor xefe da revista da Asociación Europea para o Procesamento de Sinais

O profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Fernando Pérez, director do Grupo de Procesado de Sinal e Comunicacións (GPSC) do centro atlanTTic da Universidade de Vigo foi nomeado recentemente redactor xefe da Eurasip Journal of Information Security, a revista da Asociación Europea para o Procesamento de Sinais (Eurasip, polas súas sigras en inglés.

Para o catedrático vigués esta elección supón un novo desafío profesional que asume “co obxectivo claro de colocar esta publicación na primeira fila no seu campo de especialización”, especialización que está relacionada coa seguridade da información, con especial énfase no uso das ferramentas de procesamento de sinal en ambientes adversarios. Segundo Pérez conseguir este obxectivo non será doado, xa que despois do seu lanzamento en 2010, a revista foi perdendo pulo “debido a diversas circunstancias”, polo que os editores, Springer-Nature, decidiron darlle o temón a Pérez co fin de revitalizala e colocala nos primeiros lugares a nivel internacional.

“Este nomeamento é atractivo non por cuestión de egos, senón de retos”, explica Pérez, que fai fincapé en que a publicación ten potencial de crecemento e “traballando na dirección axeitada” é viable chegar a acadar os obxectivos. “A meta é clara e só do noso traballo e bo facer depende levar esta publicación o nivel de excelencia que merece”, recalca o novo editor xefe da revista.

Máis de 20 anos dedicados á investigación aplicada ao campo das telecomunicacións

As investigacións do profesor Fernando Pérez sempre estiveron ligadas ás comunicacións dixitais e á seguridade multimedia. Académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde 2014, o catedrático vigués, alumno das primeiras promocións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, desenvolve as súas investigacións cun equipo multidisciplinar recoñecido desde a primeira convocatoria realizada pola Xunta como de referencia competitiva.