Non aos dragados recurrentes do porto de Ribadeo

Publicado por o día 19/06/2020 na sección de Medio Ambiente,Social,Sociedade Galega de Historia Natural

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Sociedade Galega de Historia Natural opóñense ao novo proxecto de dragado do porto de Ribadeo que pretende facer Portos de Galicia, polo seu impacto sobre as poboacións de aves acuáticas invernantes. Alertan tamén da situación crítica desde Humidal Ramsar de Importancia Internacional polo gravísimo declive das dúas especies que máis contribuíron á obtención das súas 5 figuras de protección: o pato asubiador (Anas penelope) e o pato rabilongo (Anas acuta).

Importancia ambiental da Ría de Ribadeo

A ría de Ribadeo conta con 5 figuras de protección (Refuxio de Caza, 1977, ZEPA, 1990, Zona Ramsar, 1994, LIC-ZEC, 2004, ZEPVN, 2004) e 15 tipos de hábitats de importancia comunitaria catalogados na Directiva Hábitats.

No pasado a ría mantivo poboacións de aves acuáticas relevantes nos ámbitos autonómico, estatal e internacional, particularmente durante o acollendo ao 7,1% das anátidas e ao 5,7% dos limícolas censados en Galicia. Destacaban en particular o pato asubiador (Anas penelope) e o pato rabilongo (Anas acuta), alcanzando este último importancia internacional no período 1989-1992. A ría ten importancia nacional para 7 especies [pato asubiador (Anas penelope), pato rabilongo (Anas acuta), mazarico rubio (Limosa lapponica), mazarico chiador (Numenius phaeopus)mazarico real (Numenius arquata)bilurico claro (Tringa nebularia) e gaivotón (Larus marinus)] e autonómica para outras 17 especies de aves acuáticas.

Pato rabilongo (Anas acuta) macho e femia

A diminución destas anátidas invernantes semella deberse á perda de case un terzo das pradarías de Zostera da ría de Ribadeo no período 1990-2000, perda que podería estar causada por diferentes factores antropoxénicos como a construción ponte dos Santos que atravesa a boca da ría (1983-87), a instalación dos cultivos de ostra do Pacífico (Crassostrea gigas) e ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum) destruindo a pradaría de Zostera (anos 1980-1990), construción do novo porto de Porcillán en Ribadeo (1991-92) e dragados reiterados das canles de navegación para o acceso ao porto de Ribadeo e o asteleiro de Figueiras.

Pato asubiador (Anas penelope) macho e femia

Un mal proxecto e un pésimo EIA

Neste contexto crítico para a avifauna, Portos de Galicia ven de consultar á SGO e á SGHN sobre un novo “Proxecto básico de dragado do porto de Ribadeo” cun Estudo de Impacto Ambiental que acumula eivas e carencias tan graves que o converten en perfectamente inútil pois:

  • Ignora que a ría de Ribadeo é unha unidade ecolóxica e se limita á parte galega da mesma.
  • Ignora que a avifauna está intimamente asociada ao ambiente acuático cando a importancia da ría de Ribadeo e a súa declaración como ZEPA e Humidal Ramsar débense precisamente ás aves acuáticas invernantes.
  • Ignora que o proxecto afectaría ás zonas de alimentación e descanso de Podiceps nigricollis e Gavia immer, especies protexidas pola Directiva Aves
  • Confunde e asimila erroneamente dous conceptos totalmente diferentes: fenoloxía e dinámica poboacional.
  • Emprega datos anticuados sobre a invernada de aves acuáticas no esteiro.
  • Os modelos do estudo de dispersión do material posto en suspensión durante o dragado carecen de toda validez, pois recoñecen expresamente que os resultados dependen do tipo de draga a empregar, que se descoñece.

Ademais, ao tratarse dun espazo protexido que constitúe unha unidade ecolóxica inter-comunitaria (Principado de Asturias e Galicia) e dun proxecto que afectara ao medio físico (dinámica de correntes, sedimentación), hábitats e biodiversidade tanto da parte galega como da asturiana da ría, o órgano ambiental competente para a tramitación do EIA é o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Solicitudes de SGO e SGHN

Por estas razóns, SGO e SGHN veñen de solicitar a Portos de Galicia (PDF) que se rexeite o EIA presentado para o proxecto e se esixa a realización dun novo EIA que avalíe axeitadamente os efectos ambientais, incluídos os impactos sinérxicos e acumulativos das actuacións desenvolvidas nos últimos 40 anos na parte final da Ría de Ribadeo, así como as proxectadas tanto na parte galega como na asturiana do espazo natural.