Non confundas Mauro con Amaro navegante!

Por o 10/01/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Non confundas Mauro con Amaro navegante!

Santo Amaro, a auga máis fría da Coruña, a area onde aprendemos a nadar a rapazada de Monte-Alto toda. Santo Amaro, 15 de xaneiro, romaría e festa a eito -a primeira do ano- pola banda de Matamá.

Vigo e A Coruña son a mesma cidade, unidos tamén polo misterio deste santo.

O Amaro navegante que, tras innúmeros perigos, atopou a illa do Paraíso. Lenda que recolleu Uxío Carré, e publicou, en 1925, no nº 19 da Revista Nós. Relato evocador que, inmediatamente, nos conduce cara ao irlandés Brandán e a súa famosa navigatio.

A devoción é a de Amaro, mais por toda Galiza suplanta a súa imaxe outro personaxe. Co libro e o caxato, o italiano Mauro, vestido –foi o primeiro discípulo de San Bieito- co hábito desta orde.

Cal é o porqué deste paradoxo? Sinxelo. Amaro non forma parte do santoral romano. A súa orixe é un misterio. Mais tan grande foi a súa fama que á Igrexa Católica non lle quedou máis remedio que identificalo con algún dos santo canónicos. E elixiron aquel ao que máis se asemellaba o seu nome: Mauro. Aínda que ambas as dúas palabras non teñan nada que ver entre si, e sexa imposible –houbo intentos- relacionalas a través das leis da etimoloxía (o latín maurus convértese en galego en mouro).

Ramón Cabanillas, no seu poema “O bendito San Amaro”, ofrece outra versión. Mais, por se non for dabondo o conto de Carré, achego máis fontes sobre a lenda do santo navegante:

La vida del bienaventurado Sant Amaro: y de los peligros que passó hasta llegar al parayso terrenal, así se titulan as primeiras edicións da súa historia en castelán, publicadas en Toledo, 1550, e en Burgos, 1552.

Mais conservamos un texto aínda máis antigo –século XIV- en portugués: Conto de Amaro, manuscrito incluído na Colecção Mystica de Frei Hilário da Lourinhãa, Monge Cisterciense de Alcobaça. (1) Relato fascinante, velaí só un petisco: Despois de moitos días de navegación detívose de súpeto a nave. Non podía avanzar porque o mar estaba coalhado”. Amaro e os seus dezaseis mâcebos grandes e arryzados ficaran inmobilizados polo xeo. Descubriron entón como uns monstros terribles, as belfas marynhas, estaban a devorar os cadáveres das tripulacións doutros barcos tamén atrapados nesa auga. Amaro pediu auxilio á divindade. Achou resposta. Baleiraron os odres todos que levaban abordo, enchéronos de aire, e tiráronos ao mar ben atados con fortes cordas. Inmediatamente,

confundíndoos con persoas, as belfas marynhas botáronse a eles. Tanta era a forza da súa trabada que, co seu impulso, foron quen de liberar a embarcación dos xeos do mar coalhado .

Amaro navegante, santo exclusivamente ibérico e, por ende, atlántico. Moi honrado na Galiza e Portugal. Polos camiños da auga chegou a ser tamén protagonista de famosas romarías en Madeira, Canarias ou nas illas dos Azores…

Na Coruña tivo, capela e fonte enriba da súa praia. A famosa –no meu barrio- fonte do Picho, desaparecida hai poucos anos, sen que ninguén no Concello nos dese ningunha explicación. En Vigo, alén da de Matamá, existiu outra capela máis, nas Travesas, a que deu nome ao propio barrio de San Amaro (entre a Praza de España e a Avenida da Hispanidade).

O 15 é o día grande, mais xa están a chegar as romeiras e os romeiros. Marcos Alonso, do colectivo Malaherba, ten estudado ben esta tradición. As primeiras referencias ao Santo Amaro (única forma documentada nos textos antigos) son do século XVI. Até o século XIX, en Matamá, Mauro non aparece por sitio ningún.

Moi avogoso contra a reuma, acudían (e acoden) ao seu amparo moitos doentes deste mal. Daban tres voltas de xeonllos á capela (agora a pé) e pousaban o exvoto de cera diante da imaxe. Tan seguros estaban do seu poder curador que, conforme remataba a misa, reumáticas e reumáticos tirábanse ao dereito á carne de porco (nomeadamente cacheira e orella) –quen dixo medo ao ácido úrico !-, outro ritual imprescindible nesta romaría.

“Dos vellos navegantes e a illa do paraíso”, así se titula un dos capítulos da miña novela “A Gran Travesía de Chiruca Macallás”. Nel, por suposto, Amaro é protagonista. Uxío Carré recolleu a súa lenda, en 1925, en Figueiroa de Abegondo, freguesía onde naceu meu pai.

Por iso débolle especial devoción, e por iso esta terza acudirei coa propia Chiruca esta terza feira á súa romaría. A ver se damos probado algo de orella.

Por certo, aínda que agora case ninguén o lembre, Matamá tamén é coruñesa, dicíanlle así a un lugar xusto a carón do miradoiro dos Castros.

A toponimia o mar, e o poder do Santo Amaro…definitivamente Vigo e A Coruña son a mesma cidade !

Por Xurxo Manuel Souto 

Comentar noticia

Your email address will not be published.