Non máis mortes no Mediterraneo!! Venres 23 na Peregrina

Racha co silencio!! non máis mortes de migrantes no mediterraneo!!
Publicado por o día 21/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Non máis mortes no Mediterraneo!! Venres 23 na Peregrina

A APDR apoia a concentración na Praza da Peregrina de Pontevedra do venres 23 de agosto ás 20h, convocada en réxime de autoconvocatoria (“Pontevedra cos migrantes”),  dirixida a todas as persoas e organizacións solidarias.

Hoxe, dous barcos, o Open Arms e o Ocean Viking, de Médicos sen Fronteiras e SOS Mediterranée, aínda esperan autorización para levar a porto seguro en Malta ou Italia a máis de 300 persoas rescatadas na costa de Libia.

Fai escasas semanas, o 26 de xullo, un novo naufraxio no Mediterráneo causou a morte de máis de 150 inmigrantes. No que vai de este ano 2019 xa son máis de 840 as persoas que morreron intentando chegar á Unión Europea desde o norte de África. Á lista ignominiosa dos 35.597 migrantes mortos no Mediterráneo nos últimos anos, solo recolle aqueles de nome coñecido, polo que hai que engadirlle outras ducias de milleiros de persoas, desaparecidas ou non identificadas. Agora mesmo, decenas de miles de inmigrantes están presos en condicións infames nos Centros de Internamento que constrúe e financia a Unión Europea nas dúas ribeiras do Mediterráneo.

Esta desolación ten a súa orixe e causa nas Leis de Estranxería e nas políticas migratorias aprobadas, financiadas e executadas polos gobernos españois e da Unión Europea.