Nota aclarativa de ACE en relación ós montes VECIÑAIS de Aldán

Publicado por o día 31/10/2016 na sección de Galicia,Política,Vigo

Nota aclarativa de ACE en relación ós montes VECIÑAIS de Aldán
Non é intención de Alternativa Canguesa de Esquerdas crear polémicas estériles e divisionistas pero tampouco imos calar cando se pretendan manipular ou distorsionar as nosas posicións políticas.
Simplemente cando o BNG filtra á prensa que a proposta de ACE sobre os montes veciñais de Aldán prexudica os intereses do Concello, entón estamos obrigados a deixar claro que o que realmente prexudica os intereses do Concello é non defender de forma rotunda a devolución dos montes á veciñanza de Aldán; as veciñas e veciños desta parroquia son as lexítimas donas e resulta vital atacar e intentar que se anule definitivamente o convenio urbanístico de Aldán asinado entre o ex-alcalde do PP e Promalar SL.
A ninguén se lle escapa que un pronunciamento plenario ten máis peso que un mero manifesto que nin sequera se votou. Aínda así, Aspun entra na polémica e prefire escusarse nas formas obviando ou despreciando o fondo.
Por iso ACE quere deixar claro que nin imos agochar a cabeza nei imos de deixar de combatir as políticas de expolio dos montes veciñais, nin deixar de atacar un convenio urbanístico que prexudica e vai contra os intereses de Cangas e de Aldán. Para rematar, tampouco nos cremos que a veciñanza de Aldán teña ningún interés en prexudicar ao Concello senón sinxelamente que lle devolvan o que lles roubaron.