Nova área de lecer e deportiva en Salcedo, Concello e comuneiros da man

Ocupa 73.500 metros cadrados e inclúe un campo de fútbol, aparcadoiro, pistas de atletismo e circuíto BMX, espazos de xogo, un campo da festa e unha carballeira
Por o 12/08/2017 | Sección: Deportes,Galicia,Pontevedra
Nova área de lecer e deportiva en Salcedo, Concello e comuneiros da man

Un exemplo de aproveitamento multifuncional do monte, con infraestruturas de ocio e deportivas respectuosas co medio ambiente e pon en valor o monte fronte a eucaliptización”. Nestes termos presentou o concelleiro de Medio Natural e delegado da parroquia de Salcedo, Alberto Oubiña o proxecto de equipamentos deportivos e lúdicos que estará en terreos veciñais ocupados no pasado polo campo de tiro e adestramento do Exército. Ao seu carón, Fernando Pintos, presidente da Comunidade de montes de Salcedo, propietaria dos terreos cuxo uso cederá ao Concello para sacar adiante a actuación.

A xunta directiva da Comunidade de Montes de Salcedo apoia a iniciativa e agora terá que convocar á asemblea de comuneiros para ratificar o apoio e autorizar a cesión dos terreos. Por outra banda o proxecto foi presentado hai días diante do Consello parroquial de Salcedo recibindo o respaldo de todos os colectivos que o integran.

É unha intervención ambiciosa e inclúe a construción dun campo de fútbol de herba sintética, un aparcadoiro, un espazo de lecer cardiosaudábel e zona de xogos, un campo da festa, un circuíto BMX, pista de atletismo, rocódromo e unha carballeira. Un equipamento lúdico e deportivo que ocupará 73.500 metros cadrados.

O proxecto está en fase de redacción e a idea é poñelo en marcha -o que será a primeira fase- no segundo semestre do 2018. Esta primeira fase será a construción do campo de fútbol (11.300 metros cadrados) e o aparcadoiro (4.000 metros cadrados) cunha capacidade de 137 vehículos. Ten por diante unha tramitación complexa xa que o Concello terá que recadar informes de Cultura -pola inxente cantidade de restos arqueolóxicos da zona-, Medio Rural e máis Defensa, pola súa proximidade a unha instalación militar.

O futuro campo de fútbol dará servizo fundamentalmente, mais non só, ao equipo da parroquia (SCD Salcedo), o club do Concello que máis nenos e nenas move.

O concelleiro Alberto Oubiña lembrou que este é o cuarto -e agarda que definitivo- proxecto para construír un novo campo de xogo na parroquia. Houbo hai anos un intento desbotado ao carón da Misión Biolóxica, en máis recentemente o proxecto fallido ao lado do pavillón por mor da aparición de restos arqueolóxicos e o proxecto rexeitado pola Comunidade de montes de Lourizán para facelo na actual ubicación, en terreos a cabalo das dúas comunidades de montes veciñais (Lourizán e Salcedo).

Pola súa banda o presidente da Comunidade de montes de Salcedo, Fernando Pintos, enmarcou a iniciativa nun proxecto global de recuperación do monte San Martiño que inclúe un explotación forestal sostíbel con repoboación de frondosas árbores de ribeira…; un centro de interpretación da natureza e unha aldea neolítica.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.