Nova campaña de recollida de alimentos na Facultade de CC Económicas e Empresariais

Conservas de peixe e verduras, aceite e leite son os produtos de maior necesidade
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Nova campaña de recollida de alimentos na Facultade de CC Económicas e Empresariais

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle, por segundo ano consecutivo, unha nova campaña do Banco de Alimentos de Vigo para a recollida de produtos non perecedoiros. A iniciativa xurdiu o pasado ano da man de Encarnación González Vázquez, profesora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing, e “o decanato recolleu o guante e propuxo mantela no tempo”, explica Jorge Falagán, decano do centro.

A campaña, que o ano pasado se centrou principalmente na recollida de aceite e cacao, rematou coa obtención de “37 kg de cacao, 56 litros de aceite e pequenas cantidades doutros produtos como pasta, arroz, galletas, chocolate etc.” apunta o decano. Desta vez, o Banco de Alimentos fai fincapé na necesidade de recoller conservas, especialmente de peixe e verduras, aceite e leite, aínda que loxicamente admítese calquera outra doazón de produtos non perecedoiros.

A caixa destinada a depositar os diferentes produtos xa está a disposición da comunidade universitaria na entrada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde continuará ata o vindeiro luns día 25. Neste sentido, Jorge Falagán considera que implicar á comunidade universitaria neste tipo de actividades é importante porque “toda acción solidaria que beneficie aos colectivos menos favorecidos sempre será benvida e, como institución pública que forma á nosa xuventude, considero que debemos transmitirlle, ademais de coñecementos, certos valores como a solidariedade, que contribúen a que a sociedade sexa máis xusta”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.