Nova discriminación do galego, desta volta nas oposicións do Sergas

Para a Xunta, o castelán prevalece sobre o galego e así o fan constar nas instrucións sobre a proba
Publicado por o día 31/10/2017 na sección de Social

Nova discriminación do galego, desta volta nas oposicións do Sergas

A pasada fin de semana tiveron lugar, no recinto feiral de Silleda, os exames da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, que contaron cun total de 3647 aspirantes para 401 prazas.

Na folla de instrucións ficaba claro como para o Sergas e a Xunta de Galiza o galego non é máis que un adorno. Din textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”

Esta afirmación é un compendio de prexuízos baseados no odio á lingua propia de Galiza. Esta breve instrución evidencia os prexuízos e a discriminación e consideración que lle dan ao galego na Xunta e na Consellaría de Sanidade.

Segundo indica a propia Consellaría de Sanidade, as preguntas só poden estar mal feitas, con erros tipográficos ou de transcrición na versión en lingua galega, o que ao mesmo tempo quere dicir que ou o castelán ten algunha capacidade, descoñecida en calquera outra lingua, de auto-corrección contra grallas, ou que o texto en galego non se revisa e non se elabora cun mínimo de rigor. Só se pode concluír que a única finalidade de dar opción en galego é decorativa, pois a recomendación acaba sendo imposición do castelán pois quen queira aprobar debe facer a proba en castelán, xa que só nesta lingua hai garantías de que as preguntas estean correctamente elaboradas.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estamos ante un feito gravísimo, indicativo do desprezo que a Consellaría de Sanidade ten co galego”. Maceira lembrou que non é a primeira vez que isto pasa e semella ser a norma que rexe nas oposicións da Consellaría. Do mesmo xeito, a Mesa ten denunciado vulneracións lingüísticas tanto a doentes como ao persoal, “a última foi a eliminación do galego nunhas enquisas internas e agora reitérano nas oposicións” apuntou.

Desde a entidade en defensa e promoción do galego, volvemos rexeitar a medida do PP ao chegar ao goberno da Xunta, foi eliminar a proba en galego para o acceso á función pública. “Agora dá un paso máis inutilizando a opción en galego, e animando directamente a non utilizalo”.

Maceira sinalou ademais “débense cesar as persoas responsábeis duns feitos que se repiten e que só contribúen a desprestixiar a lingua galega desde as mesmas institucións que teñen obriga de promocionala e defendela” sinalou Maceira.