Nova edición de «Cine submarino» no Teatro Afundación Vigo

Está integrado por dous documentais que se proxectarán entre o 20, 21 e 22 de novembro
Publicado por o día 19/11/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Nova edición de «Cine submarino» no Teatro Afundación Vigo

19.11.2018 A Obra Social de ABANCA presenta no seu Teatro Afundación de Vigo unha nova edición de «Cine submarino», que nesta ocasión está conformado por dous documentais: O ocaso do rei e Baixo os noso mares. Mar Cantábrico. As proxeccións terán lugar no Teatro Afundación Vigo desde mañá, mércores 20 de novembro ata o venres 22, en dúas sesións diarias ás 10.00 e ás 12.00 h e dirixido a un público escolar que curse 5.º e 6.º de primaria e 1.º e 2.º de ESO. En total, asistirán case 1500 estudantes.

Os documentais

O ocaso do rei

Ao longo da historia, os salmóns foron pescados tanto no mar coma no río cando regresaban para se reproduciren, e tras séculos de persecución e de destrución do seu hábitat, os sobreviventes daqueles magníficos animais habitan menos dunha terceira parte dos ríos que ocuparon no pasado. Neste documental seguirase os salmóns ao longo do seu incrible ciclo de vida, desde o seu nacemento ata a súa viaxe cara ao océano e o regreso ao río que os viu nacer, e falarase da súa relación co ser humano desde a antigüidade ata hoxe en día.

Baixo os noso mares. Mar Cantábrico

Documental submarino sobre as especies que habitan a costa asturiana. Un percorrido polo mundo submarino do Cantábrico onde poderemos ver as especies animais e vexetais máis representativas, así coma algúns dos seus curiosos comportamentos. O mar Cantábrico considérase un mar tépedo e unha das súas características máis singulares é a presenza de extensos bosques de algas pardas que reciben o nome de quelpos. Así mesmo, a auga non é tan transparente coma a dos mares tropicais, ten unha cor verdosa que indica a presenza de fitoplancto.

EDUCACIÓN EN VALORES

Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade, coa sostibilidade medio ambiental e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.