Nova edición do curso de Monitor de Tempo Libre en Abertal Vigo

Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Formación,Galicia,Vigo

Nova edición do curso de Monitor de Tempo Libre en Abertal Vigo

A Asociación Centro Xuvenil Abertal, socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, está a desenvolver un curso de Monitores de Tempo Libre en colaboración coa Escola de Tempo Libre Don Bosco de Galicia. A titulación que se obtén é oficial expedida pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

O curso está dirixido ás persoas interesadas na educación no tempo libre, membros de asociacións, voluntarios/as, monitores/as de campamentos, etc. O número de prazas é limitado: 25 prazas. O curso dará comezo o luns día 11 de xuño de 2018. Coa participación no curso tamén terá acceso ao título de Manipulado de Alimentos. A inscrición aínda está aberta para todos aqueles interesados en participar.

O curso realizarase nos locais da Asociación Centro Xuvenil Abertal na rúa Venezuela nº3, baixo (nos baixos do colexio salesiano).

Levarase a cabo de luns a venres, desde o 11 de xuño ao 6 de xullo de tal xeito que os participantes no mesmo vexan facilitada a ocasión da realización da fase práctica inmediatamente despois da fase teórica.

As condicións para matricularse neste curso oficial de tempo libre son: ser maior de 18 anos e ter o graduado escolar. Como novidade, este ano a inscrición do curso farase online a través da nosa páxina web www.abertal.org

O curso dura 200 horas na súa fase teórica (en xornadas de 10 horas), nas datas enriba indicadas e complétase cunha práctica de 150 horas en actividades de tempo libre ou 14 días de campamento de tempo libre.

Para máis información e inscrición pódese pasar polo Centro Xuvenil Abertal na rúa Venezuela 3, baixo 36203 VIGO; chamando o noso teléfono 986 225 662 ou 606 644 246, en horario de oficina, no noso correo electrónico: abertal@abertal.org ou na nosa páxina web: www.abertal.org