Nova edición dos cursos e_Destrezas para mellorar as competencias dixitais da comunidade universitaria

Desenvolveranse a través de Campus Remoto e a inscrición é de balde en todos eles
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Nova edición dos cursos e_Destrezas para mellorar as competencias dixitais da comunidade universitaria

As chamadas competencias transversais ou habilidades multidisciplinares son cada vez máis imprescindibles como complemento á formación académica para desenvolver unha vida profesional exitosa. Para ofrecerlle á comunidade universitaria a oportunidade de mellorar os seus coñecementos complementarios, a Universidade de Vigo puxo en marcha en 2019 o programa e_Destrezas, unha iniciativa que busca mellorar as competencias dixitais non só do alumnado, senón tamén do persoal de administración e servizos e do profesorado.

Impulsado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria xunto co Consello Social, este programa formativo trata de dar resposta á esixencia por parte do mercado laboral de competencias complementarias que non se adoitan adquirir na formación regrada. A edición de e_Destrezas para o segundo cuadrimestre desenvolverase integramente en liña a través de Campus Remoto e comprende dez cursos de entre 24 e 40 horas de duración, todos eles de balde. Os contidos van dende a edición de vídeo á análise de datos, pasando pola tradución, a programación, o deseño ou o cálculo científico.

Dez cursos ao longo de catro meses

Os dez cursos que compoñen o programa desenvolveranse ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril e maio, dependendo da duración de cada un deles e dos horarios da docencia. O primeiro en arrancar será o de fundamentos da edición de vídeo e son dixital para a web, que busca fornecer ás persoas asistentes en técnicas de produción a través do emprego de ferramentas libres e recursos de publicación web da Universidade de Vigo. O curso, de 40 horas de duración, terá lugar os xoves e os venres pola tarde entre o 4 de febreiro ao 5 de marzo.

Tamén en febreiro, en concreto entre o 4 de febreiro ao 11 de marzo, terá lugar o curso de introdución a ferramentas de tradución asistida por ordenador, MemoQ. Esta formación pretende dotar ao alumnado dos fundamentos básicos relacionados co programa de tradución asistida por ordenador MemoQ e coñecer a súa interface, terminoloxía, proxectos e memorias de tradución relacionadas con el. O curso tratará diferentes conceptos básicos como a distinción entre a tradución automática (TA) e a tradución automática asistida por ordenador (TAO), os programas de tradución asistida por ordenador máis empregados na actualidade e os fundamentos básicos do programa. A docencia será os xoves en quenda de tarde. Tamén entre o 5 de febreiro ao 12 de marzo terá lugar o curso de fundamentos de análise e tratamento de datos con Excel, no que se traballarán conceptos relacionados con operacións e funcións básicas e avanzadas, gráficos, análise de datos, vinculación con outras ferramentas de Office etc. As clases en remoto serán os venres de mañá, coa excepción do xoves 11 de marzo, en horario de tarde.

Nas mesmas datas terá lugar o de iniciación á programación con Scratch e Arduino, para achegar o alumnado a unha linguaxe de programación sinxela e visual, abordando conceptos básicos como variables, constantes, fluxo de control etc. A docencia está fixada para os venres en horario de tarde. O 5 de febreiro tamén bota a andar o curso de fundamentos e cálculo científico con Matlab, que se alongará ata o 9 de abril con clases os venres de mañá. O obxectivo desta formación é que as persoas asistentes se familiaricen co software científico Matlab e o seu ámbito de traballo. Traballaranse, entre outros, conceptos relativos á contorna de usuario/a, comandos, variables, vectores, matrices, gráficos, arquivos, scripts e funcións.

Outra alternativa que ofrece e_Destrezas é o curso de fundamentos de deseño Cad con Autocad, que pretende dotar ao alumnado dos fundamentos de deseño 3D, de forma colaborativa. Abórdanse conceptos relacionados coa elaboración de esbozos, planos, ensamblaxes, etc. Esta formación desenvolverase os venres en horario de tarde entre o 19 de febreiro ao 23 de abril.

Xa en marzo botará a andar o  curso de Python para principiantes terá lugar entre o 1 e o 25 dese mes os luns e os xoves en horario de tarde. Python é unha linguaxe de programación de alto nivel que goza dunha grande popularidade debido á súa sinxela sintaxe e á variedade de sectores nos que se utiliza. Esta acción formativa está concibida para introducir na programación en Python tanto a persoas que saben programar noutras linguaxes como aqueles que non teñen coñecementos previos sobre a programación. Trataranse conceptos como sintaxe básica, tipos de datos, control de fluxo, funcións ou programación orientada a obxectos, desde un enfoque eminentemente práctico.

Tamén en marzo arrancará o curso de fundamentos de ofimática, unha introdución a Microsoft Word e Microsoft PowerPoint que permite ao alumnado iniciarse no aproveitamento das súas funcionalidades avanzadas, independentemente da súa rama de coñecemento. Ademais, introdúcense as funcionalidades avanzadas de Microsoft Outlook. O alumnado poderá dispoñer dos coñecementos necesarios para realizar e presentar un TFG/TFM de aspecto e de estrutura profesionais a través das ferramentas dispoñibles no paquete de Microsoft Office. A docencia terá lugar do 26 de marzo ao 7 de maio os venres de mañá e o xoves 6 de maio pola tarde.

E_Destrezas tamén inclúe un curso de aplicación práctica dos conceptos da xestión de proxectos usando Microsoft Project. Este curso ten como obxectivo, a través dun enfoque totalmente práctico, afondar no uso de Microsoft Project 2013 (ou superior) aplicando os conceptos básicos da metodoloxía de xestión de proxectos do PMI baseada no PMBok. As clases serán nas mañás do sábados entre o 27 de marzo e o 8 de maio.

Finalmente, o curso de introdución práctica á impresión 3D ten como obxectivo dotar ao alumnado dos coñecementos da tecnoloxía de impresión 3D necesarios para deseñar e fabricar as súas propias pezas en 3D; presentar as novas ferramentas de impresión 3D FDM e ensinar a montar unha impresora 3D desde cero e recoñecer os elementos que a compoñen, así como identificar os problemas habituais de funcionamento e como corrixilos. Esta actividade terá lugar entre o 26 de marzo ao 7 de maio nas tardes dos venres.

Comentar noticia

Your email address will not be published.