Nova edición dos Premios Martín Códax para recoñecer e darlle visibilidade ao traballo dos profesionais da industria musical galega

Os membros da asociación Músicos ao Vivo teñen de prazo ata o 26 de marzo para votar os finalistas entre os que un xurado profesional elixirá os gañadores desta cuarta edición
Por o 17/03/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Nova edición dos Premios Martín Códax para recoñecer e darlle visibilidade ao traballo dos profesionais da industria musical galega
Compartir en:

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación Músicos ao Vivo subscribiron hoxe o convenio de colaboración dunha nova edición dos Premios Martín Códax da Música, que se organizan anualmente co obxectivo de recoñecer e lle dar visibilidade ao traballo dos profesionais da industria musical galega.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o vicepresidente de Músicos ao Vivo, Víctor Franco, asinaron este acordo mediante o que a Xunta de Galicia apoia economicamente as accións de promoción e a gala de entrega dos IV Martín Códax, que será presentada pola compañía A Panadaría o 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Como se recolle no documento, esta colaboración baséase na consideración destes premios como unha “inmellorable plataforma de promoción deste sector imprescindible da cultura galega”, que proxecta socialmente a creatividade, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como o seu gran potencial no conxunto das industrias culturais.

Novidades

Ata o 26 de marzo permanece aberto o prazo para que os socios de Músicos ao Vivo elixan un total de 58 finalistas, que se darán a coñecer o 6 de abril nunha festa nas Bodegas Martín Códax de Cambados e entre os que un xurado profesional elixirá os gañadores deste ano. Este tribunal estará integrado por sete profesionais do sector (un xornalista, un representante das salas de música ao vivo, outro da industria musical, un do ámbito formativo e tres músicos) e a súa incorporación ao sistema de votacións é unha das principais novidades desta cuarta edición.

Na gala final revelarase o nome dos gañadores en cada unha das categorías a concurso (16 musicais e tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación), ademais de lle facer entrega do Premio Honorífico a Dorothé Schubarth, a través do que se recoñece o seu labor de recollida do cancioneiro tradicional galego.

Como en anos anteriores, este convenio súmase aos xa subscritos coa Academia Galega do Audiovisual e mais coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia mediante os que a Agadic apoia economicamente os principais premios do sector audiovisual (Mestre Mateo), teatral (María Casares) e musical (Martín Códax) de Galicia.