Nova iluminación suntuaria para a capela do Sagrado Corazón, no Casteliño de Ponte Caldelas

O Concello instala modernos proxectores led situados en altura para protexelos contra os roubos
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Nova iluminación suntuaria para a capela do Sagrado Corazón, no Casteliño de Ponte Caldelas

A fachada da capela do Sagrado Corazón, no alto do Casteliño, estrea iluminación. O Concello instalou oito proxectores de tipo led, perfectamente integrados na arquitectura,  que garanten o realce nocturno desta construción relixiosa, moi prezada en Ponte Caldelas.

Os proxectores, de 20 watios cada un, son apenas visibles e están colocados de xeito que resulten difíciles de alcanzar para os ladróns. De feito esta actuación viu motivada polo roubo dos antigos proxectores, que estaban ancorados a unhas bases no chan. Máis aínda porque trátase da segunda vez que se furtaban. A medida supón tamén un aforro enerxético pois as luminarias anteriores eran de 150 watios cada unha ao estar baseadas en tecnoloxía obsoleta.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) atende así a petición da veciñanza, que lamentaba a falta de iluminación nocturna deste  punto elevado,  moi vinculado ás tradicións locais, pois a capela sitúase nun alto de 431 metros onde antigamente estaba, moi probablemente, parte do castelo de Ponte Caldelas. O templo relixioso foi construído en 1874 e conta cun vía crucis e un calvario na empinada pista que conduce ata el. A capela, moi  reformada en anos posteriores, conserva restos do pasado militar deste enclave, como as gárgolas ou as ameas. No alto da fachada hai unha gran escultura do Sagrado Corazón de Xesús.