Nova “patraña” da Xunta coa suposta reunificación do Laboratorio de Bivalvos, desmentida por Bruxelas

Publicado por o día 28/09/2018 na sección de Política,PSOE

Nova “patraña” da Xunta coa suposta reunificación do Laboratorio de Bivalvos, desmentida por Bruxelas

O parlamentario socialista Julio Torrado tildou hoxe de “patraña” e de “circo” o rosario de “mentiras” do goberno galego con relación á candidatura galega para acoller o Laboratorio Galego de Control Bacteriolóxico de Bivalvos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Parlamento, na que resumiu que “quedan en ridículo por mentir e a súa solución é volver a mentir”.

Así o dixo logo de que o 1 de setembro pasado o propio comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis negara nunha resposta ao eurodeputado socialista José Blanco ter recibido ningunha proposta do goberno galego para reverter o peche do laboratorio. O laboratorio será desmantelado no próximo mes de xaneiro e os seus distintos departamentos repartidos en diferentes estados da UE.

O parlamentario socialista lamentou que “a imaxe que están dando en Europa de Galicia é moi triste, non son vostedes confiables”, logo de sinalar as súas “incongruencias” e de acusalos de “someternos a todos a esta vergoña”.

Lembrou que esta nova mentira chega despois de que o propio presidente da Xunta se permitira anunciar a candidatura na sede do Intecmar en novembro, despois de que en outubro se votara na UE o seu desmantelamento, co apoio do Ministerio de Sanidade do goberno de Rajoy, que non presentou ningunha alegación.