Nova superficie de xogo no Pavillón Municipal de Deportes

A nova cancha cumpre os requisitos esixidos para competicións internacionais e partidos televisados
Publicado por o día 04/11/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Nova superficie de xogo no Pavillón Municipal de Deportes

Os traballos para a instalación do pavimento deportivo sintético no Pavillón Municipal de Deportes están en marcha. Comezaron a pasada tarde-noite e continuarán o próximo luns en xornada intensiva (mañá e tarde). O novo pavimento homologará a superficie de xogo as esixencias das competicións de máis alto nivel. A obra foi adxudicada á empresa Galitec por 36.542 euros.

Coa instalación deste pavimento portable vinílico con características adecuadas segundo cumprimento da norma UNE EN 14904 e a normativa federativa dáse un paso máis cara a rehabilitación integral da instalación deportiva, deseñada no seu día polo arquitecto Alejandro de la Sota. A renovación da cuberta e o proxecto de reforma para garantir a accesibilidade total son pasos dados para acadar este obxectivo.

Contar cunha superficie de xogo cunhas características específicas e homologadas no Pavillón Municipal é preciso para poder desenvolver competicións de carácter internacional e partidos televisados da Liga Asobal.

Pontevedra foi designada como sede da organización de dous grandes eventos na modalidade de balonmán: O Torneo Internacional Domingo Bárcenas de seleccións nacionais absolutas e o Campionato de seleccións autonómicas de balonmán. Ambos desenvolveranse a comezos do vindeiro ano 2018.

A superficie deportiva instalada actualmente no Pavillón data do ano 1996 e o paso dos anos, o uso intensivo, e as continuas filtracións de auga debido ao estado da cuberta antiga, e a execución da última obra de reforma, fai que a súa vida útil estea finalizada.