A nova web da EOXI de Vigo recibe o seu segundo selo de calidade en só catro meses

Trátase da acreditación WIS, que certifica as páxinas web de interese sanitario e que outorga o sitio PortalesMedicos.com
Por o 21/01/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A nova web da EOXI de Vigo recibe o seu segundo selo de calidade en só catro meses

A nova web da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo acaba de recibir o seu segundo selo de calidade en tan só catro meses desde que se abriu ao público en Internet.

Trátase da acreditación “WIS” (Web de Interese Sanitario) que outorga a publicación en liña PortalesMédicos.com. Este selo de calidade certifica que a información contida na web da EOXI de Vigo ten todos os apartados para facilitar unha boa información sanitaria, tanto aos profesionais como á cidadanía.

PortalesMédicos.com é unha publicación que, ademais de acreditacións de interese sanitario, divulga os sitios web que entran a formar parte do seu grupo de certificacións.

O anterior selo de calidade que recibiu a nova web da EOXI de Vigo foi a certificación da publicación “Medicina 21”, especializada en temas médicos, orientada sobre todo a transmitir coñecementos aos pacientes.

O portal web da EOXI de Vigo http://xxivigo.sergas.gal viu a luz o pasado mes de setembro e neste curto período de tempo cultivou o recoñecemento dun importante número de pacientes e de profesionais.

A páxina web está integrada co resto das plataformas corporativas e institucionais do Sergas. Cun deseño moi dinámico, os usuarios poden acceder a todo tipo de información relativa á atención sanitaria e aos procesos administrativos que se derivan dun servizo público tan requirido como é a sanidade. De aí a súa acreditación como de interese sanitario, que ven de acadar.

O cidadán pode acceder, a través do portal web, a información sobre todos os centros que conforman a rede asistencial do Sergas na área de Vigo, tanto desde o punto de vista das instalacións ou servizos que prestan como desde o prisma de consultas sobre citas médicas, datas de citación para os especialistas ou o calendario das intervencións cirúrxicas ou probas diagnósticas que o paciente poida ter pendentes.

A posta en marcha do portal web supón un avance máis na aplicación das liñas prioritarias do Plan Estratéxico, do que se dotou a EOXI viguesa para os próximos anos, sobre a importancia do trato ao paciente en particular e ao cidadán en xeral, así como aos profesionais sanitarios.