Nova xornada de loita e reivindicación para reclamar salarios dignos, emprego estable e recuperación de dereitos sociais

Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron esta mañá varias mobilizacións; Na Coruña haberá unha concentración esta tarde
Por o 24/03/2017 | Sección: CC.OO,Sindicatos,UGT,Vigo
Nova xornada de loita e reivindicación para reclamar salarios dignos, emprego estable e recuperación de dereitos sociais
Compartir en:

Galicia viviu esta mañá unha nova xornada de loita e reivindicación na que a cidadanía se mobilizou nas cidades e vilas de Ferrol, Santiago, Lugo, Celeiro (Viveiro), Ourense, Pontevedra e Vigo para reclamar salarios dignos, emprego estable e recuperación de dereitos sociais. A concentración da Coruña terá lugar este serán, a partir das 20 horas. As mobilizacións, convocadas por UGT e CCOO, continúan a campaña iniciada en decembro pasado e que se seguiu a desenvolver os meses de febreiro e marzo deste ano.

CCOO e UGT denuncian que este país leva tres anos de crecemento económico e as previsións para os vindeiros anos din que continuará a tendencia. Increméntanse os beneficios empresariais, pero as melloras non chegan ás familias traballadoras. Os sindicatos afirman que os problemas creados polos recortes non se corrixen, ao contrario, agrávanse. Aumentan a precariedade laboral, as desigualdades e a pobreza. Non se percibe vontade política para reverter esta situación e o diálogo social bipartito e tripartito non avanza.

Goberno e organizacións empresariais, coa súa inacción e co goteo continuo de actuacións regresivas, pretenden que a clase traballadora siga perdendo rendas e calidade de vida. CCOO e UGT reclaman diálogo social, pero a falta de implicación e compromiso obrigan a clase traballadoa a se mobilizar en defensa dos seus dereitos. Por todo isto, hoxe reclamouse nas rúas galegas subas salariais para garantir o poder de compra das familias e a derrogación das reformas laborais que descompuxeron o mercado laboral e outorgaron un poder desmesurado aos empresarios na negociación colectiva.

Os sindicatos tamén demandan restablecer a prioridade do convenio sectorial como mellor garantía para defender as condicións de traballo das persoas asalariadas e aumentar as pensións conforme ao IPC para que os pensionistas non continúen perdendo poder adquisitivo. En definitiva, CCOO e UGT din si a negociar, a mellorar os salarios, a máis e mellor emprego, a traballos dignos e a repartir o crecemento.