Novas mobilizacións de CCOO, UGT e CIG por un «convenio xusto» nas residencias privadas da terceira idade

Convocan unha concentración para o próximo xoves, día 2 de marzo, diante da residencia SARquavitae de Santiago de Compostela
Publicado por o día 28/02/2017 na sección de CC.OO,CIG,Sanidad,Sindicatos,UGT,Vigo

Novas mobilizacións de CCOO, UGT e CIG por un «convenio xusto» nas residencias privadas da terceira idade
Os sindicatos CCOO, UGT e CIG anuncian novas mobilizacións en defensa dun «convenio xusto» nas residencias privadas da terceira idade. Por esta razón, o próximo xoves, día 2 de marzo, ás 12 h, haberá unha concentración diante da residencia SARquavitae de Santiago de Compostela. Esta protesta chega despois da concentración na sede central de Geriatros —propietaria de SARquavitae— en Vigo.
 
Os sindicatos explican que a última oferta da patronal consistía nun incremento dun 0 % para 2016, 0,5 % para 2017 e 1 % para 2018. Porén, xa no 2016 a suba do IPC foi dun 1,6 %, véndose a na obriga de implementaren esta suba nas táboas salariais, como dita o convenio vixente. Para o 2017, as previsións da inflación son aínda maiores. Do mesmo xeito, a parte empresarial pretende cambiar a antiguidade do 3 % do salario base ou trienio a unha cantidade fixa.
 
A oferta patronal non vén acompañada de ningún tipo de mellora, critican os sindicatos. Nin redución de xornada, nin incrementos nos cadros de persoal, factores que poderían —cando menos— axudar á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, amais de mellorar a calidade asistencial.
 
Convocatoria
  • Día: xoves, 2 de marzo de 2017.
  • Hora: 12h.
  • Lugar: residencia SARquavitae (rúa de Fernando de Casas novoa, 22; Santiago de Compostela).
  • Asunto: concentración por un convenio xusto das residencias privadas da terceira idade.
  • Convocan: CCOO, UGT, CIG