Novas técnicas matemáticas e estatísticas permiten reducir á metade os custes e o tempo na creación de fármacos

Presentáronse diferentes casos de éxito resultantes da interacción empresa-universidade
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de Universidade de Vigo,Vigo

Novas técnicas matemáticas e estatísticas permiten reducir á metade os custes e o tempo na creación de fármacos

Para obter un novo medicamento, desde que comeza a desenvolverse ata que sae ao mercado precísanse arredor de 100.000 millóns de euros e máis de dez anos de investigación. Non obstante, entidades como a Axencia do Medicamento dos Estados Unidos (FDA) defenden a necesidade de botar man na toma de decisións de todos os avances logrados no mundo das matemáticas e a estatística para sacar un maior rendemento á análise e interpretación de datos de partida, o que, segundo eles, permitiría reducir ese período a cinco anos e os custes á metade. Unha destas ferramentas chámase Modelling Poboacional e nela centrouse un dos relatorios do XII Foro de Interacción Matemática Industria, un encontro que se desenvolve ao longo de toda a xornada de hoxe venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e no que se presentaron estes e outros casos de éxito resultantes da interacción entre empresa e matemáticas en sectores como medicina, automoción, internet das cousas ou enerxía.

Nunha intervención na que non faltaron os exemplos prácticos Onintza Sayar, directora xeral de Pharmamodelling, empresa innovadora a nivel nacional que se dedica a prestar servicios de deseño, planificación e xestión de ensaios preclínicos e clínicos, fixo fincapé en como estas técnicas non só permiten aforrar ata un 50% nos custes na creación de medicamentos, senón que tamén abren a porta á medicina personalizada. “Na fase de ensaio clínico, que é cando se proba a substancia en humanos despois de que xa demostrara a súa efectividade no laboratorio, pódense empregar modelos nos que introducimos variables do paciente, como peso, altura, metabolismo ou idade, e estimar así a dose de fármaco sen perder moito tempo en ir probando cantidades”.

De fármacos falou tamén Lorenzo Pastrana, director do Departamento de Ciencias da Vida do Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga que explicou como se poden detectar células cancerosas en sangue grazas a biosensores baseados na nanotecnoloxía, xa que, segundo explicou, a escala nano a materia manifesta novas propiedades moi distintas ás que tería a nivel micro ou macroscópico, o que permite ser sensible a concentracións de células tumorais circulantes en fluídos case imperceptibles para técnicas tradicionais como as biopsias. “Nós conseguimos a información, pero son as matemáticas as que teñen a capacidade de tratala e darlle sentido”, resaltou Pastrana.

Avances na automación, na Internet das Cousas…

Por parte do sector da automoción, o foro contou coa participación de Eva García Quinteiro, do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, que explicou como neste centro “avalían o factor humano para ver como reaccionamos ante, por exemplo, un aviso de colisión”, recalcou a experta, que tamén fixo referencia a outros sistemas, os cooperativos, que conseguiron, entre outros avances, que un coche de policía reducira nun 25 por cento o tempo de resposta cando un sistema foi abrindo todos os semáforos ao seu paso.

Estes novos coches, que avisan de cando cruza un peón, tamén suxiren unha ruta alternativa ao detectar unha retención inesperada no percorrido habitual do condutor. Son exemplos da chamada Internet das Cousas (IoT, nas súas siglas en inglés), termo que fai referencia á interconexión dixital de obxectos cotiáns coa web. “Un dos seus retos máis importantes, ademais da explotación da cantidade inxente de datos desestruturados -como imaxes, audios, posicións GPS-, é a súa visualización a tempo real a través de novos interfaces”, expuxo Antonio Varela, socio fundador de Tesla Technologies, outro dos relatores. Como solución, está a empezarse a utilizar técnicas de realidade aumentada en dispositivos wereables, que se incorporan en lugares do corpo e interactúan continuamente coa persoa e con outros aparellos, e que ofrecen información útil nun tempo razoable e tendo en conta a contorna.

Dous mestrados específicos

O programa tamén deixou oco para presentar os mestrados interuniversitarios ligados a Itmati (Mestrado en Matemática Industrial e Mestrado en Técnicas Estatísticas), deseñados para formar expertos e expertas no ámbito da simulación numérica, a estatística, o Big Data e a optimización que poidan ofrecer solucións prácticas á industria. “É importante que as empresas que asisten ao foro coñezan os perfís interesantes que saen dos nosos mestrados; e, tamén, é interesante que os estudantes consideren estas industrias como unha posible saída profesional”, explicou o profesor Jacobo De Uña.

Asunción Longo: “Foros como este son o mellor exemplo de transferencia directa”

Organizado polos grupos de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas, que consolidan o seu labor de transferencia de tecnoloxías á industria e ao sector produtivo a través do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, Itmati, na apertura do foro coincidiron a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo; a directora de Itmati e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Peregrina Quintela; o subdirector da escola, Manuel Fernández; e os investigadores da Universidade de Vigo, Jacobo de Uña e José Durany.

“Na actualidade temos xa máis de cen empresas que colaboran normalmente con nós, unha cifra importante, e estes encontros foron un xerme importante de todo isto e ségueno sendo, no sentido de seguir dándonos a coñecer a aquelas firmas que aínda non forman parte desta rede e tamén para que nós coñezamos con máis detalle os problemas que teñen e polos que están preocupados”, explicou Durany, ao que a vicerreitora, Asunción Longo, engadiu que “este tipo de foros, nos que academia e empresa se falan de ti a ti, son o mellor exemplo de transferencia directa”. Tamén nesta liña se pronunciou Jacobo de Uña, que insistiu en que “o foro é unha especie de oasis no que dous mundos distantes no seu día a día, se atopan e se paran a falar: as industrias formulan problemas que lles xorden e que poden ser resoltos mediante métodos matemáticos e numéricos, estatísticos e da investigación operativa; e os investigadores detectan oportunidades nas que facer transferencia de coñecemento”.