Novena semana de folga e mobilizacións por unha UCI de Adultos digna no Hospital Clínico

O persoal reivindica condicións que garantan a seguridade e calidade na atención

Este luns, as traballadoras e os traballadores da UCI de Adultos do Hospital Clínico continuaron coa folga e as mobilizacións iniciadas o pasado 16 de novembro para reivindicar unhas condicións dignas “que garantan a seguridade e a calidade nas prestacións sanitarias e asistenciais que se dispensan a cidadanía e que é responsabilidade da xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza”.

Desta volta, aproveitando que estamos en período de rebaixas comerciais, o persoal mobilizouse arredor do hospital portando bolsas de compras e coreando consignas relativas aos saldos que fai a Xerencia en contratación de persoal, EPI, equipamento, dereitos laborais etc.

Denuncian a “irresponsabilidade” da Xerencia por incumprir a lexislación vixente no tocante á infraestruturas, medidas organizativas e preventivas fronte á exposición do coronavirus, a formación en riscos laborais e en novas técnicas ou novos aparellos, a renovación de material deteriorado ou en mal estado, así como a falta de material funxíbel para os distintos aparatos, ou a falta de vestiarios que cumpran coa normativa.

Móvense profesionais a outros servizos sen ter a formación adecuada

Xunto a isto, Xosé Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG-Saúde de Compostela, apunta que tampouco se cumpriu a normativa co nomeamento da xefatura do xefe de servizo; e que se está a mover profesionais da UCI de Adultos a outros servizos do hospital sen ter a formación adecuada para adquirir habilidades profesionais necesarias para o exercicio das súas funcións “mesmo tendo asinado os servizos mínimos o día de folga”.

A magnitude da situación caótica da UCI evidénciase no feito de que “ningún dos responsábeis da UPRL que acudiron as reunións da Xerencia coas organizacións sindicais continúa a día de hoxe na xerencia de Santiago: nin a xefa de servizo, nin a facultativa de traballo, nin o técnico de riscos”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM