Novo curso de actividades de coñecemento medioambiental en Naturnova

Ao longo do mes de setembro o centro abrirase para todas as visitas de grupos escolares ou de máis de dez persoas que se concerten
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de Formación,Galicia,Vigo

Novo curso de actividades de coñecemento medioambiental en Naturnova

Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, a Obra Social de ABANCA, retomará a súa actividade divulgadora sobre o medioambiente no mes de setembro para todos aqueles grupos de escolares ou de máis de dez persoas que concerten previamente a súa visita. A partir do 5 de outubro, Naturnova abrirá no seu horario habitual de atención ao público, os sábados de 17.30 a 20.30 horas. Máis información e reservas no 986 120 088 ou en [email protected]

Naturnova, inaugurado en 2003 co fin de ilustrar algúns dos aspectos máis interesantes da natureza mediante unha aprendizaxe lúdica, está situado na rúa Velázquez Moreno, 18. O espazo estrutúrase en tres salas divididas por temáticas. A primeira fai referencia ao universo e nela explícanse, ademais da galaxia e o sistema solar, as formas de movemento dos planetas e a súa situación dentro do sistema e o nacemento das estrelas. O seguinte espazo está centrado na Terra e nos trazos característicos que presenta, como o seu chan, a auga ou a atmosfera. Os seres humanos e a relación co medio é o núcleo temático da terceira sala. Ademais, como novidade, Naturnova estreou en decembro de 2018 un módulo no que o visitante pode explorar contidos relacionados coa paisaxe e a topografía de Galicia dun modo interactivo. Neste novo espazo de Naturnova instalouse unha mesa virtual Sandbox, unha ferramenta didáctica que desenvolve un sistema de realidade aumentada que permite realizar unha representación topográfica en tempo real mentres o usuario manipula a area dun caixón.

O sistema, que está instalado nos principais centros de divulgación científica do mundo como o Nemo de Amsterdam ou o Exploradome de París, permite ao usuario interactuar coa area, construíndo de forma virtual cordilleiras, encoros, vales zonas con auga etc. Unha ferramenta didáctica que mostra conceptos sobre xeografía, xeoloxía e hidrografía cunha tecnoloxía que sorprende e cativa ao visitante.