O Concello de Ponte Caldelas informa de que mañá sábado 7 de setembro comezará o novo horario do punto limpo do concello situado no polígono industrial de A Reigosa. Un novo horario que segundo dixo o alcalde, Andrés Díaz, “trata de dar resposta as veciñas e veciños do concello que solicitaron en varias ocasións a apertura deste espazo en horario de mañá” desta maneira, engadíu Díaz “satisfacemos as necesidades dos nosos veciños xa que abrimos todos os días, agás o domingo, en horario de mañá”.
O novo horario será de luns a venres de 9:00 a 12:30 e os sábados de 9:30 a 12:00, deste xeito a demanda dos veciños de “abrir polas mañás” esta reflectida a diferenza do anterior horario que era de tardes os luns, martes e xoves e soamente abría os sábados pola mañá.
Dende o concello lembraron cales son os elementos admisibles e non admisibles neste punto, co fin de que a xente que se desprace ata A Reigosa saiba de antemán qué pode levar ata este espazo. Deste xeito son residuos admisibles: fluorescentes e luminarias de vapor de mercurio, disolventes, vernices e pinturas, pilas e baterias, aerosois, frigoríficos e electrodomésticos con CFC´s, televisiores, monitores e fornos microondas, aceites minerais e vexetais, usados, procedentes dos particulares, papel e cartón, vidro, envases de plástico, brics e latas, residuos metálicos, outros electrodomésticos (lavadoras, lavapratos.. ), residuos voluminosos (mobles, colchóns…), restos de podas e cortes e roupa e calzado, cristal ou louza.
Dende o concello tamén queren lembrar de que non son residuos admisibles: a materia orgánica (lixos e residuos agrícolas e gandeiros), residuos sanitarios, residuos procedentes de actividades industriais ou comerciais, residuos procedentes de actividades minerais extractivas, materiais perigosos, explosivos, inflamables, oxidantes ou radiactivos, animais mortos ou desperdicios de orixe animal, vehículos e as súas pezas, así como pneumáticos e aditivos ou fluídos de automoción, excepto aceites, recipientes voluminosos, metálicos ou de plásticos que contivesen produtos tóxicos, residuos procedentes de limpeza viaria, zonas recreativas e praias ou residuos sen identificar ou identificados de forma ambigua.
Dende o Goberno Local agardan a colaboración veciñal e que con este novo horario se vexan resoltas as necesidades solicitadas polos veciños para este punto limpo de Ponte Caldelas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.