Un novo método facilita a monitorización de tarefas rutineiras do persoal sanitario

Empregouse para trazar e controlar a elaboración e administración das mesturas de nutrición parenteral
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Sanidad,Universidade de Vigo

Un novo método facilita a monitorización de tarefas rutineiras do persoal sanitario

Un sistema de monitorización deseñado particularmente para o ámbito sanitario, flexible e de baixo custe. Esta é a principal contribución da tese de doutoramento do enxeñeiro vigués Víctor Manuel Alonso Rorís, quen explica que o novo sistema, accesible a través de dispositivos como o móbil ou a tableta, foi avaliado durante tres meses polo persoal do Hospital Son Espase de Palma Mallorca que empregou este método para monitorizar as accións manuais relacionadas coa elaboración e administración das mesturas de nutrición parenteral, aquela que achega ao paciente por vía intravenosa os nutrientes básicos que precisa, e que se emprega, sobre todo, en caso de bebés prematuros e pacientes operados do tracto dixestivo.

“A administración da nutrición parenteral está suxeita a un proceso de especial atención, xa que que os erros humanos ou a contaminación poden ocasionar graves danos aos pacientes”, explica o autor da tese, que fai fincapé en que, tras tres meses de uso, se obtiveron valoracións moi positivas por parte do persoal sanitario implicado no proxecto, “que valoraron o sistema como fácil de aprender e tamén de empregar”.

Defendida na Escola de Enxeñaría de Telecumunicación e dirixida polos profesores Juan M. Santos e Luis M. Álvarez Sabucedo, a tese lembra como na actualidade no ámbito sanitario establecéronse xa múltiples mecanismos para a monitorización dos protocolos de actuación con maior repercusión (xestión do persoal, control de citas…), pero, pola contra, existen múltiples accións rutineiras que seguen sen estar monitorizadas e que afectan de forma directa á saúde dos pacientes.

4000 rexistros de monitorización

“En total, neste caso de estudo trazáronse máis de 500 mesturas, obtendo información exhaustiva sobre todo o seu ciclo de vida en case 4000 rexistros de monitorización”, apunta o autor da investigación, que explica que a idea de centrar a súa tese na contribución dos sistemas telemáticos para a monitorización de procesos utilizando tecnoloxías semánticas xurde en 2014 cando tivo a oportunidade de colaborar nun proxecto de investigación sobre trazabilidade e análise de perigos e puntos críticos de control das mesturas de nutrientes parenterais, no que participaban diferentes expertos nacionais, tanto do ámbito sanitario como tecnolóxico.

“O hospital de Palma de Mallorca era un dos centros integrados neste proxecto de investigación e, ademais, gran parte dos expertos e expertas sanitarias procedían deste centro, por iso eliximos testar o novo sistema aí”, explica Alonso Rorís, que recalca o feito de que se barallaron outros hospitais para a posta en práctica do sistema, como é caso do vigués Álvaro Cunqueiro, “pero ao coincidir co inicio da súa actividade descartouse porque operativamente, era un mal momento debido ó traslado ”.

Posta a punto entre xuño e setembro de 2016

O novo sistema púxose a proba do 1 de xuño ao 6 de setembro de 2016, tres meses de posta a punto que serviron para mellorar e evolucionar a proposta inicial e, dados os excelentes resultados acadados, conseguiuse tamén financiamento para iniciar un novo proxecto de investigación que terá como obxectivo o desenvolvemento dun sistema máis avanzado co que se pretende monitorizar novos escenarios de aplicación en novos contextos e organizacións.