Novo revés de Ence nos tribunais de xustiza

Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Novo revés de Ence nos tribunais de xustiza

A Empresa ENCE e os seus Comités de empresa, veñen de sufrir un novo revés nos Tribunais de Xustiza. Desta volta, trátase da “NON ACEPTACIÓN A TRÁMITE” pola Sala Primeira da Audiencia Nacional dun escrito presentado pola empresa o pasado día 4 de xuño. A pretensión do escrito era facer valer diante da Audiencia Nacional dous feitos que, segundo ENCE, eran de “singular transcendencia” para a resolución do procedemento que se segue contra a concesión da prórroga á fábrica de Lourizán.

Estes feitos son, a inminente aprobación polo goberno do Estado do Proxecto de Lei de “Cambio climático y transición enerxética” e a consideración como “actividade esencial” durante a pandemia da COVID-19 a da industria da celulosa, dous argumentos que -de acordo coa empresa- gardan estreita relación cos motivos de impugnación esgrimidos pola nosa Asociación e pola Avogacía do Estado para cuestionar a legalidade da amentada prórroga e que na APDR consideramos absolutamente intranscendentes. A resolución da Audiencia Nacional que agora coñecemos, que desestima o escrito de ENCE ao considerar que non se trata de feitos novos “de relevancia para a decisión do preito”, vén reforzar a nosa posición ao respecto.

ENCE, co seu “novidoso primeiro feito”, pretendía demostrar que a Administración do Estado, ao elaborar este novo Proxecto de Lei, perseguía, única e exclusivamente, fixar na lexislación un novo criterio á hora de interpretar os prazos das concesións e as prórrogas para xustificar (ou amparar legalmente) a decisión de achantarse fronte ao noso recurso, unha decisión baseada nun minucioso e documentado Informe da Avogacía do Estado, que defende que existe un límite máximo de 75 anos de duración -incluídas as prórrogas- para as concesións en DPMT. E mesmo atrévense a dicir que este criterio seguido pola Avogacía do Estado, non se axusta á legalidade e, xa que logo, é unha interpretación arbitraria da Lei.

Vexamos que di a Lei! A este respecto, debemos lembrar que están en xogo dous aspectos, un de carácter temporal (o tempo máximo de permanencia dunha instalación en DPMT) e outro de carácter material (que instalacións poden establecerse en DPMT), aspectos regulados, todos eles, pola lexislación de Costas e Patrimonio. Pois ben, o artigo 32 da Lei de Costas do 1988, vixente por non ter sido modificado pola Lei 2/2013, fixa de forma clara que os terreos de DPMT resérvanse a aquelas instalacións que, pola súa natureza, non poden estar noutro emprazamento, situación que de ningún modo se pode aplicar a ENCE. Así pois, ENCE, que -como o resto de instalacións- tivo 30 anos (a contar desde o 1988) para adaptarse á Lei e buscar un emprazamento alternativo, non podería permanecer en DPMT máis alá de xullo do 2018, un argumento que mesmo debería obviar a necesidade de xustificar a legalidade ou non de calquera prórroga que supere ese límite. En calquera caso o límite temporal de 75 anos -incluídas as prórrogas- non é nada novo como pretende facer crer ENCE. Este límite está fixado e, ademais, de forma meridiana, no artigo 93.3 da Lei 33/2003 do “Patrimonio de las Administraciones Públicas”, que reproducimos:

“Las concesiones se otorgarán por tiempo determinado. Su plazo máximo de duración, incluidas las prórrogas, no podrá exceder de 75 años, salvo que se establezca otro menor en las normas especiales que sean de aplicación”.

Polo que fai ao “segundo feito novidoso” presentado por ENCE, hai que dicir que resulta disparatado pretender xustificar a permanencia ilegal en Lourizán utilizando este argumento. En primeiro lugar, porque, tal como a propia ENCE recoñece, a pasta que se fabrica en Lourizán non se transforma en produtos de primeira necesidade no Estado español, no que vende escasamente un 4 % da pasta que produce e, ademais, porque aínda que así fose, esa constatación non podería implicar -en ningún caso- a continuidade ilegal en terreos de DPMT. Debemos indicar tamén, que -ao noso entender- se ENCE-Pontevedra foi considerada durante a pandemia como “actividade esencial”, foi simplemente por seren parte da industria da pasta e o papel do estado, non pola súa contribución real na fabricación de produtos esenciais para o noso país.

Así pois, ao rexeitar os febles argumentos de ENCE, a Audiencia Nacional coloca á empresa nunha situación procesal que non semella ter máis saída que a fixada na lexislación vixente, que non considera posíbel prorrogar a permanencia na Ría de Pontevedra. En calquera caso, a APDR agarda o fallo definitivo do alto tribunal, que agardamos sexa favorábel ao interese xeral.

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.

Comentar noticia

Your email address will not be published.