O número de doses de vacina antigripal administradas este ano supera nun 6% á campaña anterior

A cifra de profesionais sanitarios inmunizados contra esta enfermidade amosa unha grande mellora nos resultados con respecto ás últimas tempadas
Publicado por o día 11/04/2017 na sección de Salud,Vigo,Xunta de Galicia

O número de doses de vacina antigripal administradas este ano supera nun 6% á campaña anterior

O número de doses da vacina antigripal administradas á poboación ascendeu na última campaña da Xunta de Galicia a 514.907, o que supón 29.314 doses máis que na campaña anterior, é dicir, un 6% máis, consolidando así a tendencia dos últimos anos. Por grupos, 370.540 destas vacinas corresponderon a persoas de 65 ou máis anos; 38.832 administráronse a persoas de 60 a 64 anos; e 105.535 foron para persoas de menos de 60 anos.

O número de persoas de 65 ou máis anos vacinadas aumentou en preto dun 4%, mantendo a súa tendencia ascendente dende o ano 2013. Se se analiza por subgrupos de idade acadáronse coberturas máis elevadas nas persoas de 75 ou máis anos, achegándose ao obxectivo (do 65%) e incluso superándoo nas provincias de Lugo e Ourense. Pola súa banda, nas persoas de 60 a 64 anos a cifra de vacinados foi arredor dun 10% superior á do ano pasado.

No que atinxe aos profesionais sanitarios, este foi o grupo onde máis melloraron os resultados, cunha cobertura do 33,45%, moi preto do obxectivo marcado para este sector (do 35%). No eido da atención primaria vacináronse 2.432 persoas, o que supón un incremento do 25,24% con respecto á temporada anterior. En atención hospitalaria o aumento foi aínda maior, xa que se vacinaron 4.087 persoas, un 52% máis que na última campaña.

Minimizar o impacto da doenza

A campaña de vacinación desenvolveuse entre o 24 de outubro e o 23 de decembro do ano pasado, período considerado óptimo para acadar unha cobertura adecuada de protección vacinal antes de que o virus comezase a circular. O seu obxectivo principal foi minimizar o impacto en saúde da doenza na poboación mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

Neste sentido, a vacina reduce a incidencia desta enfermidade e, moi especialmente, diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas. O número de persoas falecidas nesta campaña por mor da gripe foron un total de 130; deles, todos tiñan a vacina indicada, pero máis dun terzo non a recibiran.

Promoción da vacinación

Así mesmo, este ano continuouse coa actividade comezada en 2015 para fomentar a vacinación antigripal entre a poboación mediante a promoción activa da vacina por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria. Na pasada campaña esta actividade realizouse nas persoas de 65 a 60 anos e este ano ampliouse ao grupo de idade ata os 74. Neste marco realizáronse 30.934 chamadas telefónicas e acudiron a vacinarse 3.559 persoas.

Sanidade destinou 2.327.154 euros á campaña, dos que 2.322.698 corresponderon á compra de produtos vacinais e 4.456 á provisión de material para a promoción da campaña nos centros sanitarios. Galicia conta cuns 900 puntos de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde, hospitais, consultas médicas privadas, residencias e centros de atención a discapacitados, entre outros.