Nun mes estará rematada a obra da Ludoteca de Louredo segundo informa o Concello de Mos

As bases para seleccionar á empresa concesionaria do servizo foron aprobadas onte en Xunta de Goberno Local
Por o 17/03/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
Nun mes estará rematada a obra da Ludoteca de Louredo segundo informa o Concello de Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro, visitaron hoxe as obras de rehabilitación da construcción como ludoteca en Louredo. Os labores de rehabilitación da Escola Unitaria de Louredo en Ludoteca prevese que estean finalizados nun prazo dun mes.

Ademais as representantes municipais informaron tamén de que as bases para a adxudicación do servizo de ludoteca tanto nesta nova de Louredo como na de San Rafael foron aprobadas onte en Xunta de Goberno Local.

O proxecto de reforma da antiga Escola Unitaria de Louredo para adaptala como Ludoteca Municipal está a ser acometido pola administración local mosense investindo un importe de preto de 90.000 euros. Respecto deste proxecto a rexedora local declarou hoxe que “consideramos necesario e moi beneficioso para o municipio a creación dunha nova Ludoteca xa que coa gran extensión territorial que ten Mos é importante poder contar con dúas Ludotecas Municipais, tendo en conta ademais que contamos xa cun edificio idóneo para tal fin e sen utilizar, como é a Escola Unitaria de Louredo”.

E é que a actividade da primeira e única Ludoteca Municipal de Mos, a de San Rafael en Pereiras, vai en ascenso progresivo e diversificándose ademais, xa que non só se imparten nela obradoiros e iniciativas infantís, senón tamén para adultos. Cómpre destacar ademais a importancia que as Ludotecas teñen nun aspecto social de relevancia capital como é a concienciación da vida familiar e laboral.

A rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Louredo, sita no lugar do Pombal, pretende a inclusión no interior da construcción dunha Ludoteca de dúas aulas. O edificio é de pranta baixa cunha superficie construída total de 166 metros cadrados nunha parcela de 754 metros cadrados.

O proxecto contempla nesta edificación a disposición de dúas salas, unha para exposición e préstamo de xoguetes e libros e outra para a realización de actividades de xogo. Cada unha das aulas terá unha superficie mínima de 50 metros cadrados. Contará cunha porta de entrada de 1,20 metros e apertura cara ó exterior. Dotarase de baños adaptados aos usuarios de xeito que disponse para a aula de 2 a 3 anos un aseo con dimensións e necesidades adaptadas aos usuarios, tendo a outra aula dous aseos dotados de inodoros e lavamáns; e adicionalmente disponse un aseo adaptado para uso xeral.

O edificio presenta aperturas nas súas catro caras para favorecer a ventilación e iluminación natural e conta con espazo libre que será adaptado ós usuarios dispóndose un axardinamento completamente valado e controlado para a utilización por parte dos cativos. O patio de xogos contará cunha superficie de 100 metros cadrados.

As instalacións da Escola Unitaria de Louredo datan do ano 1975 e están dispostas en forma de T, con dúas aulas simétricas con orientación oeste. A rehabilitación das mesmas presenta unha solución que se adapta en gran medida á estructura formal preexistente, dispoñendo as dúas aulas cunhas proporcións similares ás previas e readaptando a zona destinada a servizos para organizar o acceso e os aseos, habilitándoos á normativa vixente. No exterior da parcela ubicarase o patio de xogos e a zona destinada ó trásito puntual de vehículos para o mantemento da construcción, que será dotada de pavimento separador que protexa as circulacións. Para a execución desta obra a Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención incluída no Plan de Obras e Servizos 2016 para rehabilitación da construcción en Louredo como Ludoteca.