O 061 de Galicia condena firmemente as sabotaxes contra as ambulancias da rede de transporte sanitario urxente no comezo da terceira convocatoria de xornadas de folga

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar para garantir a asistencia sanitaria urxente e insiste na necesidade dun comportamento responsable e consecuente
Publicado por o día 06/03/2019 na sección de Sucesos

O 061 de Galicia condena firmemente as sabotaxes contra as ambulancias da rede de transporte sanitario urxente no comezo da terceira convocatoria de xornadas de folga

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes e actos vandálicos realizados contra as ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente, no contexto da terceira convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado día 4 ás 00,00 horas e que está previsto se manteña ata ás 23,59 horas do próximo domingo, 10 de marzo. A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre subliñar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo encargado do transporte sanitario urxente extrahospitalario na Comunidade Autónoma, ten a consideración de servizo esencial para a poboación e, polo tanto, os servizos mínimos establecidos durante as convocatorias de folga son do 100%.

Picadas nas rodas

Desde as 00,00 horas do día 4 e ata as 12,00 de hoxe, 5 de marzo, rexistráronse picadas nas rodas en 24 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB) con base nos concellos de Vigo (seis ambulancias), Silleda (tres ambulancias), Pontevedra e Ponteareas (dúas ambulancias cada unha), O Porriño, Verín, Rianxo, Mazaricos, Lalín, Melide, Sada, A Coruña, Ribeira, Muros e Caldas de Reis. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a asistencia sanitaria urxente, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer novamente un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.